LGBTI
O BNG propón crear un servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020.- A concelleira do BNG Navia Rivas proporá no vindeiro Pleno a creación dun servizo municipal de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBTI, alén das actividades que se organicen para conmemorar o 28 de xuño.
“A covid-19 resultou ser un fenómeno que monopolizou a axenda e con iso desprazou outras realidades que xa estaban agochadas antes da crise, como son a cuestión trans e as identidades non binarias”, explicou Navia Rivas. Neste sentido, referiuse á paralización dos procesos de tramitación de mudanzas na documentación e á imposibilidade de procurar sustento por parte dun colectivo que entrou na pandemia cun 80% de desemprego, cuestións que fan máis precisa, se cabe, a súa visibilidade nesta era pospandemia.
Así, o BNG proporá Pleno do 25 de xuño a creación dun servizo de asesoramento e apoio LGTBI en Santiago que debería contar, cando menos, cunha traballadora social, cunha avogada e cunha formadora e asesora. “As funcións deste centro especializado centraranse na capacidade para tramitar axudas sociais para o colectivo en coordinación coas asociacións e na elaboración dun plan de actuación que analice o impacto da crise da covid-19 na poboación LGTBI en Compostela”, sinalou. “E debe actuar como vía rápida para contactar, comprobar estado e necesidades, ofrecer información das convocatorias de axudas e coordinar con servizos sociais e de saúde, con especial atención á poboación LGTBI inmigrante”, engadiu Navia Rivas.
Este centro de asesoramento ofrecerá tamén os labores correspondentes a un Servizo municipal de orientación laboral, cunha bolsa de traballo local e promoción nas empresas da cidade e das distintas medidas da Xunta para o fomento da contratación de persoas trans (como subvencións á contratación e exencións fiscais). De xeito que poida actuar de mediador entre as empresas e a poboación trans, ademais de estudar a posibilidade de aplicar incentivos municipais para esta contratación para favorecer a inserción laboral.
Formación, asesoramento e investigación
Outra das súas funcións será a creación dun Observatorio municipal contra as violencias lgtbifóbicas, en coordinación con asociacións e policía local, xunto cun instrumento para denunciar e contabilizar casos de agresións.
Neste centro poderase coordinar un proxecto de investigación profesional sobre a memoria LGTBI da cidade, en que participen as asociacións, para o rescate de figuras referentes, de acontecementos clave e da historia do movemento na cidade, coa súa utilización posterior para artellar lugares de memoria.
Tamén ofrecerá formación específica á Policía local e ao persoal administrativo municipal sobre a situación de persoas trans. Nestes momentos, este colectivo manifesta dificultades por mor da covid para mudar a documentación e sobre como proceder neste caso.
En canto á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBTI, o 28 de xuño, pódese realizar un roteiro sobre a “Compostela LGTBI” en diversas convocatorias para grupos reducidos e coas correspondentes medidas de seguridade, cunha modalidade en aplicación para smartphone e sinalización con paneis das diferentes paradas da ruta mediante serigrafía coa explicación do acontecemento que expoñen. De consolidarse, isto pode ter bo impacto na veciñanza e no turismo, na imaxe de Compostela como cidade diversa, destacou Navia Rivas.