COMERCIO
O BNG reclama que os fondos sobrantes da convocatoria de axudas ao comercio se destinen a novas liñas consensuadas co sector
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón destinar os fondos que queden da previsión da convocatoria de axudas ao comercio a novas liñas en consenso co sector. “Desde o BNG advertimos, no seu momento, de que estas axudas ao comercio eran insuficientes e que había moita xente que non ía solicitar préstamos, porque precisaban outras liñas de apoio”, explicou Goretti Sanmartín ao coñecer que só hai 299 solicitudes de subvención cando existen 1.200 estabelecementos comerciais en Santiago de Compostela.
Entre elas, o BNG propuxera liñas de axudas para poder facer actividades de dinamización cultural e conciliación, xunto con axudas directas que respondesen a necesidades específicas para este momento non ligadas única e exclusivamente como tema central aos intereses dos préstamos.
As cifras que vén de anunciar o alcalde de Santiago evidencian o que expuxo o BNG con anterioridade, que pese a que o comercio “ten necesidade de axudas esa convocatoria non estaba ben deseñada e non respondía ao que precisa o sector”.
Así, Goretti Sanmartín reclama que o diñeiro sobrante por non recibir as solicitudes agardadas se destine a liñas de axudas específicas para o comercio consensuadas co sector. Entre outras, o BNG xa propuxera, logo de manter reunións con representantes de asociacións de comerciantes, unha liña específica para poder facer contratacións culturais de dinamización comercial.