BALANCE

A asemblea do BNG avalía o primeiro ano de mandato municipal e destaca a falta de transparencia do Goberno de Bugallo

Asemblea con medidas de prevención e seguranza
Asemblea con medidas de prevención e seguranza
Cuestionan as axudas para comerciantes e hostalaría, que non atenden as necesidades do sector, e que o plan de reactivación cultural siga sen presentarse
A asemblea do BNG avalía o primeiro ano de mandato municipal e destaca a falta de transparencia do Goberno de Bugallo

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020.- O BNG de Santiago analizou na asemblea con militantes do pasado luns o primeiro ano deste mandato municipal con Goretti Sanmartín e Navia Rivas no Concello de Santiago de Compostela, ademais doutros temas relativos á campaña electoral e ao incremento de persoas afiliadas nos últimos meses.

Por unha parte destacaron de xeito positivo o traballo desenvolvido polo grupo municipal, con numerosas iniciativas que trasladaron de asociacións veciñais, culturais e sociais para mellorar o funcionamento dos servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza. Recoñeceron tamén a falta de participación e transparencia do Goberno local encabezado por Sánchez Bugallo, cunha avaliación negativa do apoio para superar a crise da pandemia da covid-19 en canto ás axudas para comerciantes e hostalaría, que non atenden as necesidades do sector, e ao plan de reactivación cultural que segue sen presentarse.

Para o BNG, neste primeiro ano o alcalde incumpriu os acordos do Pacto polo Rural, do Pacto polas Infraestruturas e Reindustrialización, das ANPA con respecto aos comedores, a convocatoria dos Consellos de Participación Cidadá. Tamén se cuestionou a intención de sacar a licitación dos contratos de servizos públicos por 800 millóns de euros sen contrastar coa oposición, cando conforma un executivo local en minoría que pretende hipotecar o futuro da acción municipal en 20 anos e nin quixo estudar a posibilidade de municipalización do servizo da auga.

Falta de xestión

Lembrou Goretti Sanmartín que no segundo semestre de 2019 se superaron os 100 días no período medio de pagamento a provedores (102) cando o máximo legal son 30 e isto implica problemas para a economía das empresas que contratan co Concello e representa un grave problema de xestión municipal.

Incidiu ademais en que o PSOE votou en contra dunha iniciativa do BNG para reclamar máis fondos para o Estatuto de Capitalidade e a revisión das cantidades asignadas pola Xunta pola condición de Santiago como capital galega, cuestión que é prioritaria para facer fronte ao gasto de servizos públicos que ofrece.

Propostas do BNG en positivo

O BNG neste primeiro ano de mandato municipal desenvolveu un labor de oposición con propostas construtivas para trasladar demandas veciñais ao Concello. Conseguiu aprobar iniciativas para axilizar licenzas de Urbanismo coa dotación de máis persoal no departamento, a publicación do prego de comedores escolares de acordo coas demandas das ANPA e o programa de Nadal para o comercio local de proximidade con servizos de conciliación e vales desconto aparcadoiros.

Outras das mocións aprobadas neste primeiro ano foron encamiñadas á construción do Conservatorio Profesional de Danza, axudas para familias monoparentais, construción do centro de día nas Fontiñas, recuperación da Casa da Parra, melloras no transporte público ou un espazo cultural e de lecer para mocidade.

A asemblea do BNG avalía o primeiro ano de mandato municipal e destaca a falta de transparencia do Goberno de Bugallo