INSTITUCIONAL

O BNG propón designar o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto fillo adoptivo de Santiago de Compostela

Emilio Lavandeira, fotógrafo
Foto: Álvaro Ballesteros
Emilio Lavandeira, fotógrafo Foto: Álvaro Ballesteros

En 1970 entrou en EFE en Madrid e en 1979, a petición propia, volveu a Santiago de Compostela e estivo nesta axencia até a súa xubilación

O BNG propón designar o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto fillo adoptivo de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha moción para propoñer a designación como fillo adoptivo de Santiago de Compostela o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto e organizar un acto de recoñecemento público pola súa dedicación profesional “concibida como un servizo á sociedade, ademais de levar a fotografía polo camiño da verdade e de reivindicar o sentido ético do fotoxornalismo”, segundo recolle o texto da iniciativa.

O fotógrafo Emilio Lavandeira Prieto naceu en 1934 en Ortigueira e con 8 anos instalouse en Santiago de Compostela, onde viviu na zona de San Caetano, na rúa de San Pedro e das Casas Reais xunto coa súa familia. A súa muller, a compostelá Catalina Villar Pérez, é copartícipe de moitas das súas actividades e soporte vital imprescindíbel na súa traxectoria profesional e artística.

Lavandeira estudou na Facultade de Dereito da USC ao tempo que espertou a súa vocación pola fotografía cunha Rolleiflex. Tempo despois mercou unha nova cámara na Casa Gama, da Coruña, onde traballaba o fotógrafo Manuel Ferrol e abriu o seu propio estudio no número 22 da rúa Doutor Teixeiro. O seu lema nos anuncios radiofónicos, froito da súa característica retranca, era “Lavandeira, o peor fotógrafo e o máis caro”. Logo, o seu labor orientouse a realizar reportaxes fotográficas que comezou a reproducir a prensa galega.

En 1960 organizou unha exposición na sede da Protectora de Artesáns, na rúa do Vilar, á que concorreu numeroso público entre o que estaba o fotógrafo Ksado que lle prognosticou un brillante futuro profesional.

Trasladouse a Madrid, onde traballou na revista Blanco y Negro e nos xornais Arriba como fotógrafo deportivo “sen ser falanxista”, en Nuevo Diario “sen ser do OPUS” e en ABC “sen ser monárquico”, como el propio define, durante un período compatibilizou estes traballos cos estudos de Xornalismo na Universidade Complutense. En 1970 entrou en EFE en Madrid e en 1979, a petición propia, volveu a Santiago de Compostela e estivo nesta axencia até a súa xubilación. Fundou, con outros compañeiros, a Asociación Fotográfica Compostelana.

Ademais, publicou La Carrilana: manual para andar de pie por el mundo en  1989 con ilustracións de Laxeiro e ¡Al pan, pan...! Consejos para la mochila en 2005 con ilustracións de Alfonso Abelenda. Tamén organizou diversas exposicións de pintura e tocou nun grupo musical, entre outras das súas facetas artísticas.

Como galardóns, recibiu o Premio Galicia de Comunicación, en 1998, e o convocado pola Fundación Caixa Galicia en colaboración coa Asociación da Prensa da Coruña “Unha vida en imaxes” pola súa carreira profesional, en 2010. Obtivo as distincións como Membro de Honra e Insignia do Casino en 2019 polo seu compromiso con Santiago de Compostela.

 

O BNG propón designar o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto fillo adoptivo de Santiago de Compostela