MOBILIDADE

O BNG propón medidas para reducir o elevado número de atropelos en Santiago de Compostela

atropelos
Datos de Santiago de Compostela

Nos últimos 5 anos houbo 273 atropelos, unha media de 55 por ano, e nos últimos 30 días producíronse 85 accidentes de tráfico por colisión

O BNG propón medidas para reducir o elevado número de atropelos en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017.- O portavoz grupo municipal do BNG, Rubén Cela, propúxolle ao Goberno local impulsar medidas de carácter transversal para reducir o elevado número de accidentes en Santiago de Compostela, pois nos últimos 5 anos rexistráronse 273 atropelos de persoas.

“No BNG levamos meses coa presentación de iniciativas de seguranza viaria para diminuír os sinistros de tráfico”, explicou. Algunhas delas se levaron á práctica por parte da Policía local cun traballo positivo na actuación sobre 45 puntos onde se concentraban máis número de atropelos mais os resultados foron insuficientes, “por iso cremos que a redución de accidentes debera ser unha prioridade do Goberno local para 2018”, engadiu Rubén Cela.

O primeiro que solicita do Goberno local é unha análise pormenorizada dos datos deste 2017 que está a piques de rematar, “non só a título estatístico senón das causas e das posíbeis solucións”. Lembrou que no primeiro trimestre de 2017 producíronse 20 atropelos e no que vai de ano atropeláronse máis medio cento de persoas, unha cifra moi superior á dos últimos 4 anos.

Así, para o BNG, estas cifras non se poden asumir como algo natural ou estrutural, os accidentes son evitábeis e requiren de accións por parte das administracións.

Reclamou, entre outras, a mellora da sinalización de pasos de peóns, rotondas e espazos especialmente conflitivos para gañar visibilidade; iluminación; revisión do tipo de pintura; a sinalización de grava nas obras; modelos de sinalización horizontal, vertical e luminosa e a revisión dos tempos para cruzar nos pasos de peóns, que en moitos lugares seguen a ser insuficientes porque se prioriza o vehículo sobre as persoas que van a pé. Son necesarias tamén medidas de calmado de tráfico e campañas de sensibilización de seguranza viaria como non usar o móbil, a práctica de mirar antes de cruzar, o uso dos pasos de peóns e non consumir alcohol e drogas.

En contraposición, puxo como exemplo a cidade de Pontevedra, onde se reduciron drasticamente o número de accidentes e de persoas falecidas por atropelo dende que se lle deu prioridade ás medidas para incrementar a seguranza viaria.

O BNG propón medidas para reducir o elevado número de atropelos en Santiago de Compostela