PLENO
Goretti Sanmartín Rei defenderá no Pleno unha iniciativa para un plan de axudas para plantar carballos, castiñeiros, sobreiras e froiteiras
Reclama tamén a eliminación de eucaliptos próximos a vivendas, rede viaria e canles fluviais para a prevención de incendios
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017.- A concelleira do BNG Goretti Sanmartín Rei trasladará ao vindeiro Pleno unha iniciativa para eliminar eucaliptos próximos a núcleos de poboación, rede viaria e canles fluviais, ademais de propor un plan de axudas para plantar frondosas caducifolias e froiteiras.
En rolda de prensa, sinalou que é necesario revisar a memoria para saber a orixe da eucaliptización, “con plantacións descontroladas e caóticas de eucaliptos no tardofranquismo, nas décadas 60 e 70 do século XX, que produciron unha alteración alarmante da paisaxe e unha mudanza da explotación e usos tradicionais do monte e un monocultivo intensivo”. Evidentemente, a relación coas necesidades de ENCE ficou sempre clara, sinalou.
Referiuse tamén aos problemas do monte na actualidade, no relativo á extinción de incendios e á súa prevención. No fondo do problema, dixo, “un fondo que persoas expertas e movemento ecoloxista diagnosticou hai moitos anos e que vai totalmente en contra da política forestal desenvolvida polo PP que para evitar os incendios só hai unha fórmula, que o medio rural teña vida, e para iso hai que eliminar o monocultivo de eucalipto e camiñar cara a un aproveitamento multifuncional do monte”.
O eucalipto ocupa en Galiza 425 000 hectáreas, un terzo da superficie forestal, un 17% do territorio, e continúa a medrar. Entre 1995 e 2010 duplicouse a superficie ocupada polo eucalipto e desde 2019 continuou a medrar con intensidade. En Santiago a superficie arborizada ocupa 10 552 hectáreas, un 91% da superficie forestal.
Sobre as medidas inmediatas que se poden tomar para frear a eucaliptización, explicou, tendo en conta o que consideran persoas expertas e o propio movemento ecoloxista, “cómpre parar a plantación de Eucaliptus nitens, e nese sentido solicitamos que o Concello a declare especie invasora”. “Tamén solicitamos que o Concello, tendo en conta o papel que noutrora tivo de referente en políticas ambientais e de defensa do territorio, impulse unha moratoria á expansión do eucalipto e desenvolva un plan de axudas e de asesoramento para substituír eucaliptos por especies arbóreas frondosas caducifolias, como xa fixeron outros concellos”, sinalou.
Por outra parte, o BNG solicita que se estuden medidas fiscais para incentivar a plantación de especias autóctonas e o aproveitamento multifuncional do monte. Reclamará tamén que se adopten as medidas de prevención nas marxes de seguranza de 30 metros libres de plantacións de eucaliptos, mimosas e piñeiros nos núcleos de poboacións e tamén vixiar para que dos 30 aos 50 metros non haxa mato e as árbores estean ben separadas entre si. O Concello debe vixiar para que eucaliptos e piñeiros estean a máis de 10 metros de autovías, estradas e vías férreas e nas canles fluviais 5 metros para as frondosas caducifolias e 15 para eucaliptos e piñeiros.