COMERCIO
O BNG propón unha nova convocatoria de axudas para os comercios que quedaron fóra da anterior por esgotarse os fondos
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021.- O BNG vai presentar unha iniciativa no Pleno do próximo 25 de febreiro para que o Goberno local publique unha convocatoria extraordinaria para axudar o comercio local afectado pola crise do coronavirus e aqueles estabelecementos que, cumprindo os requirimentos da anterior, quedaron fóra ao resultar insuficiente o crédito destinado, ademais de abrir un prazo para que se corrixan os erros administrativos derivados do procedemento de rexistro.
“Chama a atención que desa convocatoria do mes de decembro para o comercio houbese 526 solicitudes, unha cifra moi elevada que dá boa conta da necesidade que había de axudas deste tipo, mais sabemos xa que tras esa resolución unicamente 216 son as persoas beneficiarias que disporán do crédito existente e fica un 60% das solicitudes sen atender”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
“Entendemos que non están os tempos para que o Concello provoque un agravio comparativo, unha discriminación clara cun grupo moi grande de comercios que non chegaron a tempo nesa carreira de quen entrase antes podía ter acceso ás axudas”, advertiu. Por iso considera necesaria esa nova convocatoria extraordinaria única e exclusivamente para aqueles comercios que, nesta ocasión, quedaron fóra.
Iso non significa, tal como o BNG xa fixo público a semana pasada, abrir unha nova convocatoria cos orzamentos de 2021 e cos remanentes de 2020 “tanto para comercio como para cultura, turismo e hostalaría moitísimo maior que a anterior, que ciframos en 7,5 millóns de euros”, explicou, “5,5 de 2021 mais 2 millóns de 2020”.
En resumo, o comercio de Santiago de Compostela precisa dunha axuda extraordinaria e resulta evidente que foron insuficientes as axudas que puxo enriba da mesa o Goberno local e por iso o BNG propón unha convocatoria extraordinaria para aqueles comercios que quedaron fóra pese a que cumprían todos os requirimentos.