PLENO
O BNG propón unha planificación, en diálogo coas ANPA, sobre o novo prego dos comedores escolares
Ten que ser unha prioridade política máxima para mellorar a súa calidade no vindeiro curso escolar, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, xullo de 2021.- O BNG traslada unha moción ao Pleno para que o Goberno local estabeleza unha planificación, en diálogo coas ANPA, para incluír no prego de contrato un novo de modelo de comedores escolares con condicións que aposten pola alimentación saudábel, os produtos de proximidade, a garantía do acceso universal, a experiencia piloto da cociña no propio centro, a fragmentación por lotes especializados e o pagamento por anticipado.
“En xaneiro de 2022 expira a prórroga máxima do contrato dos comedores escolares, un contrato que concluíu en xaneiro de 2021, de aí que estabelecer unha planificación e redactar o novo prego de licitación deste concurso de acordo coas peticións da comunidade educativa ten que ser unha prioridade política máxima para mellorar a súa calidade”, explicou Goretti Sanmartín.
“Débese facer canto antes, tanto polos prazos como pola definición do propio modelo, co obxectivo de corrixir as numerosas deficiencias arrastradas desde anos atrás, e queda pendente tamén reclamarlle á Xunta que asuma a competencia da xestión directa dos comedores escolares”, advertiu.
Nos últimos catro anos seguiuse un modelo con moitos problemas e cheo de queixas por parte das familias, en que non se atenderon as relativas á comida de baixa calidade e cantidade, falta de especialización das funcións a realizar e carencias na comunicación coa empresa prestadora do servizo. Deste xeito, desde o BNG emprazouse en reiteradas ocasións a convocar o Consello Municipal de Educación para poder mellorar este servizo, entre outras necesidades deste departamento.
De feito, as Asociacións de Nais e Pais (ANPA) desenvolveron un intenso traballo que tiña que facer a Administración de controlar, avaliar, redefinir o modelo de comedores, pór enriba da mesa alternativas, solicitar debate e buscar consenso, mesmo moi por diante da propia Administración local.
É necesario estabelecer nos novos pregos de contratación un límite da distancia para traer os alimentos -o chamado quilómetro cero-, a definición dun proxecto educativo onde a capital de Galiza debe ser vangarda e pioneira, a diferenciación por lotes de contratación para o servizo de alimentación e transporte e, por outro lado, o de monitoraxe e propiamente educativa. Isto axudaría tamén a que participasen empresas locais e comarcais. Ademais, non se debe renunciar a que se poidan facer varios lotes por colexios próximos, tamén na liña de ofertar unha proposta que poida dar traballo a pequenas empresas locais.
Cómpre incluír cociña e cociñeiros/as no propio centro, a comezar cunha experiencia piloto en dous deles, mentres non se poida estender a todos. En calquera caso, a proximidade máxima das cociñas aos colexios debe ser os 50 Km que din as ANPA, unha distancia máis que suficiente.
Desde o BNG proponse a utilización de produtos de proximidade, frescos, galegos, ecolóxicos e de tempada, que favorecen o tecido empresarial local e o pequeno comercio, o que redunda na calidade do servizo e na economía compostelá e galega.
Débense corrixir os problemas suscitados nos comedores escolares a inicio de curso 2020-2021, cando por vez primeira non atenderon o dereito de acceso universal e se abriu a posibilidade de recortar prazas. Para iso, hai que reforzar a atención deste servizo en troques de disuadir a inscribirse, ao poñer trabas por acudir en días soltos, sumado ao caos organizativo cando a finais de setembro había centos de familias que aínda descoñecían se ían dispoñer de praza no comedor escolar, co que iso implica para a conciliación familiar e laboral.
Naquel decreto que contiña propostas como que prime máis o criterio de levar os 5 días a semana ao comedor fronte a quen pode decidir levalos 1 ou 2, en moitos casos por temas de conciliación laboral e teletraballo, cando era unha recomendación especial das autoridades sanitarias nun contexto de pandemia, e a idea de entregar unha bolsa con comida directamente ás crianzas estaban máis feitas desde a perspectiva de facilitarlle a traballo á empresa que beneficiar a comunidade educativa.
Tamén houbo irregularidades ao non seren suficientes os menús subministrados e que non chegasen para todos/as os nenos/as. A alimentación nesta etapa vital do alumnado debe ser tomada en serio por parte do Concello e esixirlle á empresa concesionaria deste servizo que garanta a súa calidade. Non pode volver acontecer que en varios centros reciban 30 menús de menos nunha xornada e que teñan que repartir os existentes entre todos/as os comensais.
A iso sumáronse as dificultades das ANPA que xestionan comedores de determinados centros escolares, ao efectuar o Goberno local os pagamentos das bolsas con 6 meses de demora, cando son entidades sen ánimo de lucro que se ven na obriga de sufragar os gastos por adiantado. A nova convocatoria debe ter a previsión dun pagamento anticipado por parte do Concello de Santiago.
Goretti Sanmartín puxo como exemplo que existen “experiencias positivas na contorna próxima, como as do Concello de Ames, que incrementan o número de prazas de comedor para o vindeiro curso escolar coa apertura dun novo centro na Maía, en Bertamiráns, con máis de 300 matrículas”. De feito, para o próximo curso xa teñen arredor de 1.400 nenos e nenas inscritas grazas á boa organización e ao recoñecemento da calidade do servizo.
“Ademais, o Concello de Santiago leva moito tempo sen concluír coas demandas da comunidade educativa”, sinalou.