PLENO
O BNG propón crear novos parques para cans ceibos en Compostela
Santiago de Compostela, xullo de 2021.- A concelleira do BNG Navia Rivas defenderá no Pleno unha iniciativa para que o Concello de Santiago instale novos parques reservados para cans ceibos e retome a campaña de concienciación sobre bos hábitos e convivencia con mascotas.
“En 2011 púxose en marcha unha campaña no concello de Santiago sobre a convivencia de mascotas con material divulgativo, dispensadores de bolsas con contedor para a recollida de excrementos e sinalización dos espazos onde se permiten cans ceibos”, lembrou a concelleira do BNG.
Esta sinalización instalouse en zonas de parques para marcar os espazos preferentes para cans, onde poden pasear ceibos baixo o control e a responsabilidade dos seus donos e donas.
Segundo se describía nesa campaña, impulsada cando o BNG tiña responsabilidade nesta área de Goberno municipal, estes espazos de cans ceibos serven para convivir de xeito cívico, fomentando as boas prácticas en relación co espazo público e cos animais. Estas zonas, delimitadas e separadas fisicamente da contorna, están habilitadas para que os cans e cadelas poidan relacionarse libremente entre eles, correr e xogar, potenciando o seu exercicio e sociabilidade.
Na actualidade, en Santiago de Compostela hai 15.877 cans inscritos no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compaña e sete espazos sinalizados para deixalos ceibos, como son os parques de Belvís, Alameda, Carlomagno, Galeras, Pontepedriña, Conxo e praza da Constitución.
“Porén, existe demanda de instalar novos parques de cans ceibos nas Fontiñas, Santa Marta e na Almáciga, segundo trasladaron ao BNG en diversas reunións coa veciñanza dos barrios”, explicou Navia Rivas. Na Almáciga mesmo iniciaron un proceso de recollida de sinaturas para o reclamar.
O BNG tamén recibiu queixas dos problemas do parque de cans na alameda, derivadas do cambio de emprazamento, onde ademais hai persoas que retiran a diario lixo, cristais, máscaras, plásticos, envases e xiringas, xa que estes residuos supoñen un problema para a seguranza de persoas e animais.