PLENO

O BNG defenderá no Pleno unha solución para os estabelecementos pendentes de instalación de saneamento municipal

“O Goberno local está a dificultar a instalación de estabelecementos como o Espazo Abella, en Formarís, que leva tempo coa entrega dun aval bancario a agardar pola conexión co saneamento”, explica Goretti Sanmartín
O BNG defenderá no Pleno unha solución para os estabelecementos pendentes de instalación de saneamento municipal

Santiago de Compostela, xullo de 2021.- O BNG traslada unha iniciativa ao Pleno para que se axilicen as obras de saneamento e abastecemento no rural e se busque unha solución de urxencia para que poidan instalarse novos estabelecementos que están pendentes de licenza.

O rural compostelán ten un grave problema de falta de saneamento e de abastecemento pois dos 215 núcleos do rural, 112 non teñen abastecemento de auga, 125 carecen de saneamento e 90 non dispoñen de ningún destes dous servizos básicos. Ante estes datos, o BNG require que o Goberno local negocie coa Xunta fondos económicos para dotar de abastecemento e saneamento as parroquias do rural de Santiago e que estabeleza o diálogo coa FERUSA para consensuar a prioridade dos núcleos para a súa conexión.

“É necesario que o Goberno local atenda, de urxencia, os casos de estabelecementos que queren instalarse no rural e precisan estes servizos básicos para obter a licenza de actividade, co fin de impulsar e favorecer a dinamización económica, a igualdade de oportunidades e a cohesión territorial en Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.

Neste sentido, o Goberno local está a dificultar a instalación de estabelecementos, entre eles o Espazo Abella, en Formarís, que leva tempo coa entrega dun aval bancario a agardar pola conexión co saneamento para conseguir a licenza de actividade. Cómpre lembrar que está na ordenanza 6, a cualificada como urbana, en que o Concello ten a obriga de ter a rede de saneamento, que non se cumpre neste núcleo de Formarís, polo que é necesaria unha solución inmediata para permitir desenvolver a actividade mentres a administración municipal non conecte o saneamento.

Ademais, cómpre ter en conta que se aprobou no Pleno de xuño de 2021 unha iniciativa do BNG para promover unha nova regulación dos avais bancarios que se esixen en parcelas onde non hai servizos básicos para favorecer a creación de vivendas e negocios no rural.

Pese ao anuncio de obras con fondos do POS+ da Deputación para o saneamento no lugar da Cacharela, na travesa das Penas e na rúa das Tornas (Aríns), de abastecemento na Rúa Nova da Igrexa (Laraño) e no lugar de Pousada (Bando) que contarán cun orzamento de 152.000 euros, o Goberno municipal segue a incumprir o acordo do Pacto polo Rural asinado coa FERUSA no relativo á dotación orzamentaria plurianual para completar a rede de saneamento e abastecemento no rural.

Por outra parte, para a escolla deses lugares -absolutamente insuficientes- onde se van facer esas tres obras de abastecemento e de saneamento non se mantiveron conversas coa FERUSA para determinar os emprazamentos prioritarios, atendendo a criterios obxectivos, onde existe seca de mananciais durante o verán, nin a proximidade a 500 metros para dar servizo a vivendas e negocios que están pendentes destas conexións á rede pública destes servizos esenciais.

 

 

O BNG defenderá no Pleno unha solución para os estabelecementos pendentes de instalación de saneamento municipal