O BNG reclama que a Lei de Memoria Democrática inclúa esclarecer a verdade do asasinato de Ánxel Casal e o seu recoñecemento público

Goretti Sanmartín, Carlos Babío e Navia Rivas, entre o público do acto
Goretti Sanmartín, Carlos Babío e Navia Rivas, entre o público do acto

Goretti Sanmartín propón tamén que que se active a presentación da demanda, por parte do Estado, para recuperar as estatuas do Mestre Mateo en posesión da familia Franco

O BNG reclama que a Lei de Memoria Democrática inclúa esclarecer a verdade do asasinato de Ánxel Casal e o seu recoñecemento público

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2021.- O BNG de Santiago organizou un acto en lembranza do alcalde nacionalista Ánxel Casal, asasinado hai 85 anos na ditadura franquista, e para reivindicar o recoñecemento das vítimas da represión. O evento contou coas intervencións de Goretti Sanmartín, de Navia Rivas e de Carlos Babío, ademais da actuación de “Os Enxebres de San Lázaro” que interpretaron, entre outras, unha peza do repertorio histórico de Cantigas e Agarimos no seu centenario.

Ánxel Casal, ademais de alcalde e vicepresidente da Deputación da Coruña, foi un promotor de iniciativas culturais e do idioma galego como a editorial Nós e as Escolas de Ensino Galego. Foi tamén un dos fundadores das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e defensor do Estatuto de Autonomía de 1936, fundamental para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, na súa intervención reclamou que se active, por parte do Estado, a presentación da demanda para recuperar as estatuas do Mestre Mateo en posesión da familia Franco. “É unha cuestión que desde o BNG xa propuxemos hai tempo, que sabemos que xa ten os informes rematados mais non vemos que vexa a luz, cando é urxente devolverlle este patrimonio roubado á cidade de Santiago e ao pobo galego”, explicou.

Saudou, ademais, a iniciativa “Mocidade Galega pola Memoria” que vén de presentarse en Pontevedra e reclamou que se poña en marcha a Comisión da Memoria, impulsada polo BNG no Concello de Santiago, “para realizar unha intensa política pública de memoria das 226 veciñas e veciños contabilizadas na investigación Nomes e Voces que sufriron represión no franquismo, entre elas Consuelo Otero Rial, veciña de Conxo que foi asasinada e a quen se lle debe aínda designar co seu nome unha rúa en Compostela”.

Goretti Sanmartín anunciou que o BNG trasladará ao Pleno de Santiago a proposta de recuperación do Premio Literario Ánxel Casal nas modalidades de poesía, teatro e conto, que estivo en vigor desde 1996 até 2011 e estaba dirixido a estudantes.

No acto tamén interveu Carlos Babío, coautor do libro “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”, cun destacado labor de investigación da ditadura franquista para legarlles ás xeracións vindeiras a documentación veraz do que aconteceu, ademais de desenmascarar as estratexias do réxime franquista para se facer con patrimonio e para manter as prebendas mesmo despois de falecido o ditador.

“Non hai posibilidade de avanzar nun futuro con garantías democráticas firmes de non haber hai normalidade co noso pasado, pois as políticas que presidiron o Estado español están baseadas na amnesia, no esquecemento, e así non hai posibilidade de traballar cara a un futuro democrático”, asegurou.

“Na entrada a trámite da Lei de Memoria Democrática no Congreso dos Deputados é importante ter consciencia da experiencia para a recuperación do Pazo de Meirás, porque foi a loita social a que mantivo a memoria de Meirás e a que ten que mellorar esa lei, porque avanza en dereitos humanos, mais estamos en tempo de resolucións; pois case medio século após da morte do ditador Franco cómpren solucións para  a normalidade dos dereitos humanos sen deixar na impunidade, por exemplo, o crime de Ánxel Casal”, sinalou o historiador.

“É importante reivindicar que a Lei de Memoria Democrática incorpore a loita contra a impunidade daqueles que asasinaron Anxel Casal desde o que representou aquel momento histórico, porque el non participou nunha trincheira, a el asasinárono polas súas ideas e é necesario esclarecer tamén a verdade e recoñecer a súa figura como merece nunha democracia normalizada”, engadiu Carlos Babío.

Pola súa parte, a concelleira Navia Rivas destacou de Ánxel Casal que foi “unha peza fundamental na loita polos dereitos do pobo galego, pola súa identidade e a súa cultura”, por iso o BNG segue a reclamar unha estatua na súa lembranza e a retirada de simboloxía franquista que aínda perdura en Santiago de Compostela, pese estar aprobado en Pleno por diversas iniciativas presentadas polo BNG e por incumprir a Lei de Memoria histórica.

O BNG reclama que a Lei de Memoria Democrática inclúa esclarecer a verdade do asasinato de Ánxel Casal e o seu recoñecemento público