SOLIDARIEDADE

Goretti Sanmartín reclama que se convoquen as axudas para cooperación ao desenvolvemento

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartin

O BNG lembra que desde que entrou Sánchez Bugallo na Alcaldía se consignaron 460.000 euros nos orzamentos anuais que non chegaron a executar

Goretti Sanmartín reclama que se convoquen as axudas para cooperación ao desenvolvemento

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno de setembro unha iniciativa para que o Goberno local active con urxencia a convocatoria de axudas en materia de cooperación ao desenvolvemento.

De non facelo, o Goberno local estaría incumprindo por terceiro ano consecutivo cos seus compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e a loita contra a pobreza. explicou Goretti Sanmartín. “Desde o BNG, reclamamos que neste contexto, cando a pandemia da covid-19 e as distintas crises humanitarias están a agravar a situación de vulnerabilidade que viven millóns de persoas en todo o mundo, o Concello de Santiago plasme o seu compromiso na loita contra a pobreza e as desigualdades globais e cumpra co chamado internacional para reforzar a solidariedade cos países empobrecidos”, afirmou.

O BNG lembra que desde que Sánchez Bugallo entrou na Alcaldía non se realizou a convocatoria pública para o financiamento de proxectos de cooperación, cando se incluíron 120.000 euros nos Orzamentos de 2019 e de 2020 e que logo non se executaron. En 2021, o Concello incrementou esta partida a 220.000 euros destinada á cooperación ao desenvolvemento, como medida compensatoria fronte a situación provocada pola covid-19 e ante a falta de capacidade do Goberno municipal de publicar esta convocatoria de axudas en anos anteriores.

“No BNG recibimos queixas e a preocupación das ONGD de Compostela de que, a estas alturas do ano e ante a falta de novas, esta convocatoria de axudas non chegue a publicarse por terceiro ano consecutivo, cando temos unha responsabilidade histórica para defender os dereitos humanos na procura da igualdade”, advertiu.

A isto súmase o feito de que desde a chegada ao Goberno local do PSOE non se volveu convocar o Consello Municipal de Cooperación, o espazo de participación cidadá que conta con representantes dos distintos grupos políticos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD, a Universidade de Santiago e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que ten por obxectivo potenciar a política pública de cooperación local. Este, entre outros consellos de participación que tamén deberían convocarse, de maneira especial o de Educación ás portas dun novo curso académico e con compromisos sen cumprir.

Entre os labores que realizan estas ONGD están corrixir as desigualdades e atender necesidades básicas das persoas máis vulnerábeis en canto a garantir o dereito á saúde, á educación e á auga limpa, o dereito a unha vida digna e sen violencias para todas as persoas. Ademais, tecen lazos de solidariedade entre países e comunidades, atenden colectivos oprimidos e invisibilizados como as mulleres, as nenas, os pobos orixinarios, persoas refuxiadas e migrantes, colectivo LGBTI+, persoas activistas ameazadas e perseguidas nos países máis empobrecidos do planeta.

Goretti Sanmartín reclama que se convoquen as axudas para cooperación ao desenvolvemento