XESTIÓN

Goretti Sanmartín esixe que se paguen con urxencia as axudas para o rescate do comercio local

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

O BNG fai un chamamento ao Goberno local do PSOE a que axilice a xestión para apoiar economicamente os colectivos máis afectados pola crise da covid-19

Goretti Sanmartín esixe que se paguen con urxencia as axudas para o rescate do comercio local

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2021.- A portavoz do grupo municipal BNG, Goretti Sanmartín, insta o Goberno local “a que resolva dunha vez as axudas para o sector do comercio” para compensar as perdas derivadas das restricións sanitarias de prevención da pandemia da covid-19.

Estas axudas foron publicadas no BOP o 7 de maio, cun prazo de solicitude que remataba o 24 de maio “e transcorridos varios meses non se sabe nada da súa resolución nin de cando van ser efectivas para o sector do comercio”.

Cómpre lembrar que foron moitos os comercios que quedaran excluídos da anterior convocatoria pese a cumprir os requirimentos, por non habilitar fondos suficientes, e que aínda non percibiron unha soa axuda para soster estes negocios fundamentais para a economía local de Compostela.

“A pesar desta pequena recuperación derivada do incremento do turismo nas últimas semanas, é evidente que a crise foi moi dura para o sector do comercio polo que se habilitou unha dotación económica facilitada polos grupos da oposición, da maneira máis rápida posíbel, e non entendemos como a estas alturas non sabemos cando se vai producir ese pagamento e cando van dispor desas cantidades”, sinalou.

“Por iso instamos ao Goberno local a que poña prazo á resolución desas solicitudes e facemos un chamamento a que todos os temas que teñen que ver con axudas e diñeiro dispoñíbel se execute canto antes”, advertiu.

Para Goretti Sanmartín, “este é un dos problemas máis importantes que ten o Goberno do PSOE en Santiago de Compostela: ser capaces de executar aquelas cantidades e aquel diñeiro que está nos orzamentos e nos remanentes”.

Por tanto, o BNG esixe que se poña un prazo e que se faga ese pagamento canto antes para esas axudas de rescate do comercio local que foron publicadas o 7 de maio.

 

 

Goretti Sanmartín esixe que se paguen con urxencia as axudas para o rescate do comercio local