O BNG advirte da falta de mantemento das pistas de skate de Conxo
Trasladará unha iniciativa ao Pleno de setembro para a ordenación, sinalización, limpeza e conservación destas instalacións
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021.- A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, e a concelleira Navia Rivas visitaron o parque de skate de Conxo acompañadas de representantes da Asociación de Skate de Santiago e da Asociación Veciñal Conxo Aberto para coñecer as necesidades de reordenación e mantemento destas instalacións.
Goretti Sanmartín anunciou durante a visita que o BNG trasladará unha moción ao Pleno de setembro para que o Goberno local realice un plan de mantemento das pistas de patinaxe, das gradas e deste parque co fin de mellorar e reordenar este espazo de convivencia, deporte e lecer, coa posibilidade de estabelecer tamén un lugar cuberto nas proximidades do barrio. Ademais, pedirá unha reunión coas concellarías de Deportes e Parques para abrir o diálogo con estas asociacións co obxectivo de incluír as partidas económicas necesarias nos remanentes de tesouraría ou nos Orzamentos de 2022 para realizar esta actuación que reclaman.
Este espazo é usado tanto por skaters, ciclistas que utilizan as rampas, xogadores de volleyball que levan unha rede portátil, paseantes de cans, familias con cativos e cativas e veciñanza da zona.
Segundo puideron comprobar durante a visita, as rampas presentan numerosos buracos, ademais da sucidade e pintadas, cando se pode ter un espazo ordenado, limpo e co mantemento adecuado dos módulos de patinaxe para estas prácticas deportivas. “Isto é necesario para fomentar hábitos deportivos e de lecer saudábeis entre a mocidade, non pode ser que o Goberno local do PSOE abandone estes espazos públicos e teñan que desprazarse a concellos veciños por falta de espazo”, advertiu Goretti Sanmartín.
Desde as asociacións requiren tamén sinalética e ordenación dos espazos, xunto co acondicionamento dunha rede fixa de volleyball nunha zona delimitada para as persoas que practican con asiduidade este deporte, cuestións que tamén reclamará o BNG na iniciativa.
Pola súa parte, Manuel Eirís, da Asociación de Skate de Santiago, sinalou que cómpre unha actuación por parte do Concello porque “este parque de Conxo está deteriorado, sen iluminación nin sinalización adecuadas e temos a necesidade de contar con espazos axeitados para patinar nunha cidade como Santiago de Compostela que conta con numerosas persoas que practican e queren aprender este deporte”.