ORZAMENTOS

O BNG pide ao alcalde un exercicio de transparencia e democracia que mellore a xestión municipal

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín solicita unha dobre xunta de portavoces para comezar a negociación dos Orzamentos de 2022 e a programación das obras até o final do mandato e insta a convocar o Consello de Relacións Veciñais
O BNG pide ao alcalde un exercicio de transparencia e democracia que mellore a xestión municipal

 

Existe un profundo malestar da veciñanza afectada polas obras dos Concheiros e tememos que aconteza o mesmo coas do Hórreo, que dificilmente estarán concluídas a final de ano, como se comprometeron, explica Goretti Sanmartín

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladou unha carta ao alcalde Sánchez Bugallo ante a preocupación social pola falta de coordinación das obras e para comezar as negociacións dos Orzamentos de 2022 e as prioridades. Deste xeito, solicitoulle a convocatoria de dúas xuntas de portavoces extraordinarias e urxentes; “a primeira para coñecer os proxectos de obras en vigor, xunto cos que dispoñen de proxecto e están pendentes de executar, e a segunda para achegar propostas dos grupos co fin de incluílas nos Orzamentos de 2022 e 2023, de xeito coordinado coa veciñanza de cada barrio”, explicou.

Para Goretti Sanmartín é “fundamental” realizar unha programación de obras nos distintos barrios da cidade, con previsión para os dous vindeiros anos, co obxectivo de atender as prioridades orzamentarias con base nas necesidades existentes e para dar cumprimento aos acordos plenarios. Reivindicou que as obras se realicen por fases, para diminuír as molestias á veciñanza e para que exista unha planificación e non aconteza como agora, con toda a cidade en obras en momentos especialmente delicados e sen zonas previstas para atender os problemas de aparcamento que ocasionan, engadiu.

Neste sentido, propón que se convoquen dúas xuntas de portavoces. "A primeira para coñecer os proxectos de obras en vigor, xunto cos que dispoñen de proxecto e están pendentes de executar, co fin de facer seguimento de prazos e calidade destas actuacións", explicou.  “Nesta xuntanza queremos que tamén se trate a contía que se vai reservar aos diferentes sectores afectados e do obxecto desa subvención que, desde a nosa perspectiva, teñen que continuar a ser axudas directas”, dixo. O BNG aposta polo diálogo e por realizar conxuntamente unha priorización das accións a levar a cabo nos próximos dous anos. Na segunda reunión pódese planificar as que se poden incluír nos Orzamentos de 2022 e 2022 en función dos acordos plenarios e das necesidades da veciñanza, de xeito que se poidan licitar canto antes e causar as mínimas molestias posíbeis, sinalou.

De feito, o BNG está a constatar “o profundo malestar da veciñanza afectada polas obras dos Concheiros” e teme que aconteza o mesmo coas do Hórreo "que dificilmente estarán concluídas a final de ano, como se comprometeron". Nos Concheiros existe unha afectación grave ao comercio e hostalaría, por non facer a obra por pequenos tramos, xusto nestes meses de maior afluencia de persoas que fan o Camiño de Santiago. "Isto débese a un erro na planificación do que se debe tomar nota para evitar que volva acontecer nas seguintes", advertiu.

“Especialmente importante é, neste sentido, dar resposta aos graves problemas de aparcamento que sofre a veciñanza con obras que se prolongan durante meses e meses e que, á forza, deberían levar aparellada unha solución con espazos dispoñíbeis de xeito provisional que facilite a vida á poboación afectada”, afirmou. Ao fío disto, reivindicou un plan de reactivación económica para as zonas afectadas polas obras, cuxa contía e criterios tamén deben ser abordados nesas xuntanzas.

Este problema de xestión ten tamén repercusións económicas negativas na economía local. Mentres a media dos concellos da provincia licitaron un 31,9% máis de obra pública no primeiro semestre de 2021 con respecto ao mesmo período de 2020, en Santiago diminuíu un 8,29%. Segundo datos da Federación Galega da Construción, en consonancia con esta menor licitación de obra pública, o investimento por habitante baixou de 58,81 a 18,09 euros (-69,75%) en Santiago de Compostela.

O BNG pide ao alcalde un exercicio de transparencia e democracia que mellore a xestión municipal