TRANSPORTE

Goretti Sanmartín advirte de que a redución da frecuencia de autobuses vai empeorar a calidade deste servizo en Santiago

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Para o BNG, esta medida do Goberno local do PSOE vai agravar os problemas de tráfico e de falta de aparcamento

Goretti Sanmartín advirte de que a redución da frecuencia de autobuses vai empeorar a calidade deste servizo en Santiago

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama unha maior frecuencia de liñas de autobús urbano nas liñas 5 e 6 logo de coñecer a redución que se vai provocar coa entrada do horario de inverno do transporte público, precisamente cando a xente se reincorpora ao traballo logo do período de verán.

Para o BNG é fundamental que se reduza o tempo de agarda entre un autobús e outro para favorecer, precisamente, o uso do transporte colectivo e evitar que a veciñanza se vexa na obriga de levar os vehículos particulares cos problemas de colapso de tráfico e de falta de aparcamento que sofre Santiago de Compostela na actualidade.

“A redución de frecuencias anunciada a partir deste mes de setembro, que pasan de 16 a 20 minutos nas liñas 5 e 6, cando son das que levan un elevado número de persoas pasaxeiras, leva aparellada unha diminución da calidade deste servizo público, especialmente para quen viven no rural e sofren un recorte de liñas”, advertiu.

Tampouco resulta comprensíbel a falta de conexión con frecuencias á entrada e saída dos polígonos industriais, con frecuencia de 70 minutos de luns a sábado, sen sequera atender aos horarios de entrada de fábricas e naves, o que imposibilita que multitude de traballadores e traballadoras poidan usar este medio de transporte público.

“É necesaria unha maior coordinación das necesidades da veciñanza de Santiago de Compostela, non pode ser que o transporte colectivo non se adecúe aos ritmos e demanda de persoas que precisan ir aos polígonos industriais, ás parroquias do rural e aos eixos centrais onde teñen as súas ocupacións, cando este servizo ten un investimento millonario anual por parte do erario público”, sinalou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín advirte de que a redución da frecuencia de autobuses vai empeorar a calidade deste servizo en Santiago