SANIDADE

O BNG reclama un novo proxecto para a ampliación do Hospital Clínico e do aparcadoiro

Goretti Sanmartín e Iria Carreira
Goretti Sanmartín e Iria Carreira
“É surrealista que dúas administracións públicas como o Concello de Santiago e a Xunta de Galiza consideren válido saltar a normativa das prazas de aparcadoiro e agravar o problema actual”, afirma Goretti Sanmartín
O BNG reclama un novo proxecto para a ampliación do Hospital Clínico e do aparcadoiro

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, e a deputada parlamentar Iria Carreira anunciaron que solicitarán instar a Xunta a presentar un novo proxecto, consensuado co Concello de Santiago e co Consello Municipal de Saúde, para a ampliación do Hospital Clínico que inclúa a necesaria humanización e dotación de prazas de aparcadoiro, para ofrecer solucións e non un agravamento do problema actual.

Segundo explicou Goretti Sanmartín en rolda de prensa, o alcalde trasladou a finais de xullo nunha xunta de portavoces a petición da Xunta de licenza para obras de ampliación do Hospital Clínico cun proxecto que non inclúe a dotación das prazas de aparcadoiro necesarias que marca a regulamentación; isto é, 2 prazas por cada 100 m2 construídos segundo o PXOM, unha ratio que xa non se cumpre na actualidade. “O alcalde fala de rebaixar a esixencia e pasar de 2 prazas por cada 100 m2 a 1 e aplicar a Lei do Solo de Galiza e non a norma municipal do PXOM, o que é estraño”. “Facemos unha norma pero cando a administración ten que cumprila acóllese a outra”, engadiu, “e a segunda solución que propuxo é declarar de interese público a ampliación, de tal maneira que xa non teñan que cumprir esta norma”.

Diante desta proposta “surrealista”, de que unha administración pública propoña bordear a súa propia normativa, recordou que xa en outubro de 2015 a Corporación aprobou por unanimidade unha proposición do BNG para que o Concello instase a Xunta a iniciar as xestións para reordenar o aparcadoiro do CHUS, a negociar co aparcadoiro da Choupana un abaratamento de tarifas e a difundir na zona o da existencia do aparcadoiro de Santa Marta. “Pasa o tempo e 6 anos despois está nas mesmas circunstancias, cando estamos a falar dun hospital que só ten 22 anos, pois abriu en 1999 e xa ficou pequeno nese momento, tanto as instalacións como o aparcadoiro, pois dá servizo a unha área moi importante de 400.000 persoas”, explicou. “O hospital é un caos circulatorio, pois non se pode acceder a pé, en bicicleta ou transporte colectivo desde moitos puntos de Santiago e moitas veces porque se levan persoas con problemas de mobilidade”, incidiu.

O BNG entende que a ampliación do hospital é necesaria mais está nun emprazamento sen posibilidade de crecemento. “É surrealista que dúas administracións públicas como o Concello de Santiago e a Xunta de Galiza consideren válido saltar a normativa das prazas de aparcadoiro que ten que haber sabendo que se vai agravar o problema, pois pretenden validar un proxecto que vai dificultar e agravar o acceso ao hospital”, cando hai posibilidades de construción de aparcadoiro na parcela á beira do CIMUS, puxo como exemplo.

Así, Goretti Sanmartín emprazou Bugallo e Feijóo “a ir menos de ganchete e máis compromiso con Santiago, menos parafernalia simbólica e máis feitos prácticos para solucionar os problemas”.

Plans de accesibilidade, humanización e emerxencias

Pola súa parte, a deputada Iria Carreira, responsábel do BNG da comarca de Santiago e de Sanidade no Parlamento galego, afirmou que é chave instar a Xunta a traballar dun xeito coordinado en cuestións como a necesidade de elaboración dun plan de accesibilidade e humanización da contorna do Hospital Clínico, cun espazo para deixar as persoas dependentes ou que precisen asistencia. “Na actualidade, unha persoa maior precisa dúas acompañantes, unha para aparcar e outra para acceder ás instalacións do centro hospitalario, e non vemos axeitada a liña do Sergas de desmantelamento e de retirar ese persoal de asistencia, pois esa figura xa non existe ou é anecdótica”, explicou.

Nese plan de accesibilidade é preciso prestar atención ao estado das beirarrúas, que son escasas e están ocupadas por vehículos pola propia falta de aparcamento. Trátase dun centro sanitario ao que acoden persoas en cadeiras de rodas, con mobilidade reducida ou mesmo con carros de bebés que teñen dificultado o tránsito pola falta de espazos beirarrúas.

Para o BNG tamén é importante cumprir os plans de emerxencia, coa ampliación do hospital e a reorganización da circulación ten que garantir que, ante unha eventual incidencia, o equipo de bombeiros/as poida acceder nuns tempos mínimos que cumpran a normativa.

Ademais, estas obras de ampliación do CHUS deben incluír o correcto funcionamento do heliporto, unha infraestrutura clave para o manexo dos pacientes críticos. Na actualidade, en Galiza hai dous helicópteros funcionando, un na base en Conxo e o que está situado á beira do Hospital Clínico axuda a cumprir eses tempos mínimos para a atención de pacientes nun estado grave, explicou.

Iria Carreira remarcou tamén que “é grave que a Xunta de Persoal non teña coñecemento deste proxecto de ampliación do hospital, cando é parte implicada”.

“Instamos o Sergas a reorganizar o funcionamento do complexo hospitalario de Santiago, porque hai varios centros con duplicidade de consultas, e a tomar decisións sobre o futuro do Hospital Gil Casares para darlle unha correcta orientación, sabendo sempre que as camas hospitalarias son precisas”, indicou.

Na ampliación do Hospital Clínico e do servizo de Urxencias, cómpre ter en conta ademais que un mal funcionamento da atención primaria, no primeiro chanzo do sistema sanitario, vai repercutir nun colapso dos seguintes niveis asistenciais, pola presión de non ter unha asistencia garantida na atención primaria, engadiu.

 

O BNG reclama un novo proxecto para a ampliación do Hospital Clínico e do aparcadoiro