VERTEDURA

O BNG reclama “transparencia, control e sancións” ante a vertedura que contaminou a rede de abastecemento de auga en Compostela

ETAP do Tambre
ETAP do Tambre

Propón que se adopte un protocolo coas medidas necesarias para frear novas filtracións coas chuvias durante as próximas semanas

O BNG reclama “transparencia, control e sancións” ante a vertedura que contaminou a rede de abastecemento de auga en Compostela

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021.-  O BNG de Santiago e de Ames, ante a grave vertedura que afecta á subministración de auga potábel desde hai varios días na comarca de Compostela, solicita “maior transparencia, control e sancións” por parte da Xunta para solucionar esta crise e evitar que poidan repetirse a contaminación aos nosos ríos, regatos e mananciais con medidas destinadas a protexer un ben básico como é a auga.

“Agardamos que a calidade de subministración procedente da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) do Tambre se normalice e non empeore coas chuvias, logo da vertedura de 200.000 litros de puríns procedentes dunha explotación agraria, que obrigou a extremar as precaucións e mesmo a dispor de cisternas de auga para a veciñanza”, explicou Goretti Sanmartín.

Pola súa parte, David Santomil, reclamou maior transparencia na comunicación da Xunta cos concellos ante unha situación de crise como a actual, ao tratarse dun ben básico fundamental, como é a auga tanto para o consumo como para labores agrarios e que se adopte un protocolo específico coas medidas necesarias para frear novas filtracións coas chuvias durante as próximas semanas, co obxectivo de que non se prolongue no tempo. Ademais, incidiu na demora en comunicar un problema de tal magnitude por parte da Xunta, cando se produciu o xoves 9 e non se fixo público até o sábado 11 de setembro.

O BNG propón que se realicen análises periódicas da auga das distintas traídas e mananciais de captación para controlar e garantir a calidade e reclama, tamén, unha avaliación dos danos causados, tanto para a veciñanza como para flora e fauna, xa que a vertedura provocou a morte de milleiros de peixes e doutras especies do río Tambre até a embocadura en Noia.

O BNG reclama “transparencia, control e sancións” ante a vertedura que contaminou a rede de abastecemento de auga en Compostela