PLENO

O BNG propón no Pleno desenvolver un plan de mellora do barrio das Fontiñas

BNG
BNG
Cómpre corrixir os problemas no pavimento, as baldosas levantadas, a iluminación inadecuada, a falta de limpeza e de prazas de aparcamento
O BNG propón no Pleno desenvolver un plan de mellora do barrio das Fontiñas

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020.- O grupo municipal do BNG traslada unha moción ao Pleno para incluír nos Orzamentos de 2021 un plan de mellora do barrio das Fontiñas coas demandas da veciñanza.

Nos últimos anos, o barrio de Fontiñas viuse descoidado, sen o mantemento ordinario  necesario, con carencia de limpeza nas rúas, coa herba invadindo as beirarrúas, con baldosas levantadas que supoñen un risco para as persoas viandantes, con iluminación insuficiente e inadecuada, con  pasos de peóns en mal estado, mal iluminados e mal sinalizados, con especies arbóreas inadecuadas en determinados lugares, con inseguridade viaria como consecuencia de sebes que dificultan a visibilidade e con contedores sen lavar, entre outros.

O Concello debe incluír unha partida orzamentaria para a revisión e substitución do pavimentado das rúas, pois na actualidade está levantado en moitos lugares que supoñen un perigo para as persoas que van a pé, nomeadamente para as persoas maiores, que corren o risco de caer coas baldosas mal asentadas.

Para iso, é necesario realizar o mantemento permanente e xestión adecuada das instalacións públicas deste barrio, ademais de mellorar a limpeza dos espazos comúns, de acordo coas peticións trasladadas por veciños e veciñas.

Tamén é preciso reordenar as prazas de aparcadoiro con zonas reservadas para o estacionamento de pequenos intervalos de tempo, nomeadamente ao redor dos Xulgados, para realizar trámites de 15 minutos, co fin de que se garanta a rotación rápida. A iso súmaselle a proposta de permitir o aparcadoiro fóra do horario laborábel nas prazas reservadas aos xulgados, agás as reservadas ao Xulgado de garda. Isto xa foi unha petición do BNG aprobada no Pleno de xuño de 2018.

Cómpre lembrar que o BNG xa trasladou no Pleno de febreiro de 2020 un rogo para desenvolver un plan de mellora do barrio das Fontiñas que, pese ás necesidades detectadas pola veciñanza, aínda non se puxeron en marcha nin se fixeron as xestións necesarias para as medidas que se reclaman sete meses despois.

O BNG propón no Pleno desenvolver un plan de mellora do barrio das Fontiñas