ENSINO

O BNG trasladará ao Pleno as reivindicacións da ANPA do López Ferreiro que esixe sexan unha prioridade nos próximos investimentos do Concello

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Recolleu tamén as peticións da ANPA dos Montes dos Postes e continuará a reunirse con cada un dos centros do municipio
O BNG trasladará ao Pleno as reivindicacións da ANPA do López Ferreiro que esixe sexan unha prioridade nos próximos investimentos do Concello

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2020.- O grupo municipal do BNG reuniuse coa ANPA do colexio CEIP López Ferreiro para escoitar as necesidades e deficiencias que sofren agora mesmo as familias deste centro. A ANPA presentoulles un documento aprobado polo consello escolar do centro onde detallan unha serie de solucións que poden ser aplicadas a curto prazo e cun baixo custo.

Goretti Sanmartín e Navia Rivas, tras escoitar as reivindicacións e ver a documentación presentada, mostráronlles o seu apoio e acordaron levar unha iniciativa ao Pleno do mes de outubro e solicitar que estas cuestións sexan incorporadas no orzamento de 2021 ou na planificación de prioridades para utilizar cos remanentes municipais. Nesta liña, a portavoz municipal quere mostrar a súa preocupación polo incumprimento do período medio pago a provedores durante todo o ano 2020, pois a posibilidade de utilizar os remanentes en investimentos financeiramente sustentábeis non é posíbel sen cumprir o prazo dos 30 días que marca a normativa. Por outra parte non é entendíbel que nunha etapa de crise económica pequenas e medianas empresas non poidan cobrar en tempo e forma do Concello.

A comunidade educativa do CEIP López Ferreiro precisa urxentemente ampliar os espazos exteriores, unha demanda histórica do centro. Por iso, solicita que se pechen as pistas que se empregan nos recreos e que se fagan accesíbeis os baños que están inutilizados. Por outra parte, para poder ter un patio cuberto nos días de choiva e que as crianzas non teñan que pasar os recreos nas aulas, solicitan a instalación dunha carpa móbil que se poida desmontar e eliminar en calquera momento para preservar o dereito á saúde de nenos e nenas. É necesario que se amplíen espazos para que as alumnas e alumnos poidan facer uso de espazos abertos e amplos sobre todo nesta situación sanitaria. En caso contrario haberá problemas de ventilación e, por tanto, un incremento de risco sanitario.

A comunidade educativa tamén propón acondicionar o patio polo que se accede ao comedor e facer un mantemento deste, posto que se atopa en bastante mal estado. O Concello debe comprometerse á humanización dos patios, estudar darlle acceso en horario escolar as nenas e nenos ao parque Xixón e acondicionalo para a actividade lectiva.

As nais e pais tamén solicitan que se aumente a seguranza na rúa dos Xasmíns, boa parte da beirarrúa inutilizada por aparcamentos indebidos. Por iso cómpre buscar solucións alternativas, mudando a beirarrúa de aparcamento ou instalando bolardos, aumentando a seguranza nos pasos de peóns ou instalando un sistema de control de velocidade. No que respecta á seguranza na Avenida Xoán XXIII desde o BNG apoia a petición de que se anule o uso da vía do servizo como mínimo desde a porta de entrada até o paso de peóns nas horas de entrada e saída do colexio.

O BNG recibiu tamén queixas da ANPA do Monte dos Postes pola imposibilidade de teren pais e nais espazo para aparcar un momento os seus vehículos mentres deixan ou recollen as crianzas. Nese sentido, recollendo a proposta da ANPA, solicita negociar co Centro Comercial das Cancelas a utilización do parking exterior as horas de entrada e saída do colexio. Por outra parte, lembra o compromiso existente con esta ANPA para que o Concello reforme os baños que están nun estado lamentábel polo deterioro do paso do tempo.




 

O BNG trasladará ao Pleno as reivindicacións da ANPA do López Ferreiro que esixe sexan unha prioridade nos próximos investimentos do Concello