O BNG reclámalle ao alcalde que non deixe hibernar as obras do palacete da Finca do Espiño
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2020.- O grupo municipal do BNG reclama que se licite dunha vez o proxecto para a rehabilitación do palacete da finca do Espiño, que permanece paralizado desde a súa aprobación en xaneiro na Xunta de Goberno local. O Concello conta con fondos gañados por sentenza para a execución desa obra.
Este proxecto técnico de rehabilitación para equipamento municipal cultural e administrativo foi presentado con data 16 de xaneiro de 2020 polo arquitecto José Luis Pereiro Alonso, segundo consta na documentación da Xunta de Goberno, por importe de 1.460.000 euros e cun prazo de execución de 12 meses. Porén, o equipo de Sánchez Bugallo non publicou aínda a licitación desta obra pese a que transcorreron 9 meses desde a súa aprobación.
Cómpre lembrar que os fondos para redefinir os usos e licitar o proxecto para a recuperación arquitectónica deste inmóbel son finalistas, posto que foron depositados nas arcas municipais froito dunha sentenza xudicial que determina que só se poden utilizar para ese obxectivo.
En abril de 2016 o BNG trasladou unha proposición ao Pleno para que esta actuación fose unha prioridade e se realizase de urxencia, pois o grao de deterioración deste palacete agrávase co paso do tempo, como quedou evidenciado coas continuas adaptacións do proxecto durante os últimos anos.
O parque da Finca do Espiño abriu as súas portas en 2014, despois do acordo coa promotora Layetana e de que investise 660.000 para facelo visitábel para o conxunto da veciñanza. Logo saíu a concurso a recuperación do palacete por 1,2 millóns de euros cun prazo de execución de 12 meses. Xa en 2015 o Goberno de Compostela Aberta adxudicou esta obra por 869,910 euros e finamente decidiu resolver aquel contrato coa empresa Dragados, polo que houbo que pagarlle 28.000 euros de diñeiro público sen executala.
En marzo de 2019 aprobouse a adaptación do proxecto para convertelo na nova sede do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). En setembro dese mesmo ano, xa co PSOE na Alcaldía, a Xunta de Goberno aprobou unha modificación para abrir o procedemento de adxudicación das obras de rehabilitación da Finca do Espiño para equipamento municipal, cultural e administrativo, cun tipo de licitación de 1.283.799 euros. Transcorrido un ano máis, o proxecto segue sen licitar.