ENSINO
Goretti Sanmartín empraza o alcalde a negociar coa Xunta unha saída á falta de comedor no CEIP Casas Novoa
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2020.- “A situación do CEIP Casas Novoa leva semanas motivando preocupacións e denuncias por parte da comunidade educativa”, advirte Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. Trátase dun centro en que o servizo de comedor corre a cargo da xestión da Xunta de Galiza e en que ausencia de persoal leva ocasionado problemas desde o inicio de curso. Estes problemas non fan máis que agravarse co paso das semanas.
A negativa da Xunta de Galiza para dotar este centro do persoal necesario para garantir a atención e condicións sanitarias que precisa a comunidade educativa levou o centro a unha situación límite. Esta situación chegou ao punto de obrigar o equipo directivo a solicitar un cambio no horario escolar.
Por outra parte, desde o inicio do curso o CEIP Casas Novoa carece de servizo de comedor. Diante do silencio da Consellaría de Educación que deixa nenos e nenas do Colexio da Sionlla sen comedor, a portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín empraza o alcalde a negociar directamente coa Xunta de Galiza unha solución que garanta este servizo esencial para as familias. Nestes momentos, despois de semanas de inicio do curso, a situación de falta de servizo de comedor continúa nun colexio con crianzas desde 3 anos que pasan máis de sete horas sen comer diante da pasividade da Consellaría de Educación.
A política de improvisación e abandono da Xunta de Galiza obriga nenas e nenos deste centro a se perpetuaren nunha xornada escolar intensiva en que saen das súas vivendas ás 8.30 h. da mañá e non chegan ás súas casas até pasadas ás 15.00 h.
“O Concello de Santiago non pode consentir que haxa poboación escolar sen dereito a comedor, polo que emprazamos o alcalde a mediar coa Consellaría e desbloquear unha situación que causa un grave prexuízo ás familias e dificulta a conciliación”, afirmou Goretti Sanmartín.
Por outra parte, o BNG xa rexistrou, a través de Manuel Lourenzo, responsábel de Educación do grupo parlamentar, unha iniciativa para preguntar por estes feitos acontecidos no colexio da Sionlla e para esixir que a Consellaría de Educación cumpra coas súas competencias, contrate o persoal necesario e garanta o acceso universal ao servizo de comedor e o dereito de conciliación.