ORZAMENTOS

Ana Pontón: “Temos que facer do sector cultural un dos elementos de desenvolvemento de Santiago de Compostela”

Almorzo informativo BNG
Almorzo informativo BNG
A portavoz nacional do BNG reclama partidas nos Orzamentos de 2021 para saldar a débeda histórica da Xunta con Santiago de Compostela 
Ana Pontón: “Temos que facer do sector cultural un dos elementos de desenvolvemento de Santiago de Compostela”

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, xunto coa deputada Iria Carreira e a concelleira Navia Rivas, analizaron neste inicio de curso político as necesidades que debe incluír a Xunta nos vindeiros Orzamentos para 2021. Entre eles, o incremento do Estatuto da Capitalidade, o apoio a profesionais da cultura, a ampliación do Conservatorio e da Escola Oficial de Idiomas, a estación depuradora, vivenda de protección pública, novas escolas infantís, residencias de terceira idade e o centro de saúde de Conxo, ademais de melloras na sanidade pública e dos dereitos das persoas LGBTI.

Ana Pontón sinalou que o Goberno galego nos últimos anos ignorou Santiago de Compostela e “Feijóo ten unha débeda importante, sobre todo, no ámbito sanitario, económico e de servizos básicos”, dixo en referencia á estación depuradora, residencias públicas, centros de saúde, asunción das competencias dos comedores escolares e vivenda pública. O Goberno de Feijóo ten unha débeda con Santiago que debe empezar a pagarse de inmediato a través dos Orzamentos de2021, tanto para incrementar a partida do Estatuto de Capitalidade como para atender as urxencias desta crise sanitaria e económica derivada da covid, engadiu. “Esta crise afecta de cheo sectores da economía compostelá, singularmente á hostalaría, comercio e turismo”, explicou, para o que é necesario “un plan de rescate” con recursos que ían ir destinados ao Xacobeo e que poden redirixirse a este ámbito para evitar a caída de emprego e o peche de estabelecementos.

“O sector cultural leva anos sufrindo políticas de asfixia e a crise da covid provocou unha situación de desamparo neste sector que ten un peso moi forte nunha cidade como é Santiago de Compostela”, afirmou. Así, propuxo que a Xunta realice unha actuación para “poñer en valor a cultura” e apoiar creadores e creadoras e para iso poden aproveitarse fondos, como eran os de “O Son do Camiño” de 3 millóns de euros que se poden redireccionar para darlle apoio ao sector cultural de xeito estrutural. Destacou tamén que Santiago debe potenciarse como capital cultural, cun valor que vai máis alá do patrimonial e da propia Catedral, “porque temos que facer do sector cultural un dos elementos de desenvolvemento desta cidade de cara ao futuro, porque hai capacidade para xerar riqueza e emprego e proxectar o conxunto do país no mundo”.

Para Ana Pontón, Santiago non só necesita proxectos no curto prazo, hai que deseñar unha estratexia para definir a cidade a longo e medio prazo e hai ámbitos que deben ser “un polo de desenvolvemento”, como a USC, os centros de investigación e innovación, con centros de excelencia como o CIQUS e o CIMUS, “que son liñas de futuro cara onde debe reorientarse o conxunto da economía galega”. “Unha cidade como Santiago de Compostela que careceu dunha política industrial ten aquí unha oportunidade moi importante”, enfatizou.

Goretti Sanmartín destacou que os gobernos do PP lle deron as costas á capital de Galiza e son numerosas as reivindicacións históricas que continúan sen solución. Sinalou, neste sentido, “o entreguismo de Bugallo a Feijóo e a falta de actuación con visión de cidade e sen contar coas achegas da oposición”, ademais de evidenciar a falta de transparencia e de participación que caracteriza o seu xeito de gobernar.

Entre as demandas históricas, Goretti Sanmartín sinalou o novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, unha instalación que despraza 700 persoas todos os anos ao Instituto de Sar e onde se incumpre o Decreto de 19 de xullo de 2018, da propia Xunta de Galiza, por non ter sala multimedia, sala de usos múltiples e illamento acústico; a ampliación do Conservatorio de Música, con instalacións creadas para 250 persoas, un número que xa hai anos que se duplica; a dotación dunha nova escola infantil e dunha piscina pública nun barrio novo con gran densidade de poboación como Santa Marta; a necesidade de instalación de internet de banda larga no rural, que se fai urxente nestes tempos de pandemia da covid-19, e a dotación de saneamento e abastecemento, onde hai 90 núcleos de poboación sen estes servizos en Santiago de Compostela.

Iria Carreira, deputada do BNG de referencia para Compostela

Iria Carreira, que será a deputada de referencia para Compostela nesta lexislatura, ademais de anunciar que o BNG vai estar vixiante para que se constrúa o novo centro de saúde de Conxo e vivenda de protección pública en Xoán XXIII, reclamou que a xestión da residencia da terceira idade no Castiñeiriño sexa de xestión pública para evitar a dramática estratexia de facer negocio coas persoas maiores.

Explicou tamén o Plan Retorna, defendido polo BNG, que se a algunha comarca pode beneficiar, é a de Compostela, de onde saíron 14.083 persoas na última década, das que 4.685 son de entre 16 e 29 anos, polo que é preciso un plan de emprego específico para frear a emigración da mocidade. Por outra parte, afirmou, “levaremos ao Parlamento o compromiso de incluír materias sobre identidades de xénero no ensino, plan de formación contra a LGBTfobia, protocolo contra o acoso, nova Lei para o colectivo trans, cunha Lei Galega de Identidade de Xénero”.

Ana Pontón: “Temos que facer do sector cultural un dos elementos de desenvolvemento de Santiago de Compostela”