INFRAESTRUTURAS
O BNG insta o alcalde a que mova ficha para que Xunta e ADIF asuman os 120.000 euros anuais de mantemento da pasarela da estación intermodal
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020.- O BNG insta o alcalde de Santiago a conseguir unha modificación de convenio da estación intermodal para retirar a cláusula do condicionamento dos 3,5 millóns de pasaxeiros/as para realizar a segunda fase, a da estación de tren de alta velocidade, que supón un agravio comparativo e unha discriminación con Santiago de Compostela.
Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, reclama tamén que o alcalde realice as xestións necesarias para modificar o convenio específico para a construción da pasarela desta estación intermodal que vén de ser instalada e que tivo que asumir o Concello unha parte do seu custe económico con 1,7 millóns de euros e agora terá que asumir o mantemento de luz, auga, seguranza e limpeza que supón máis de 120.000 euros anuais.
Así, o BNG insta a que, cando menos, estes labores de mantemento do que queren chamar unha rúa da cidade cando realmente é unha instalación lle corresponda ao ADIF ou á Xunta, para que se fagan cargo estas administracións, posto que noutras cidades non houbo que facer ese desembolso económico que aquí composteláns e compostelás van ter que sufragar, advertiu.