TRANSPORTE
O BNG advirte dos problemas de falta de mantemento e de desinfección dos autobuses urbanos
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión co comité de empresa de Tralusa onde transmitiron os problemas da falta de mantemento e desinfección dos autobuses urbanos e as necesidades básicas que debe incluír o prego do novo contrato para garantir a igualdade de dereitos laborais e mellorar o servizo de transporte colectivo en Santiago de Compostela.
Neste sentido, reclamou que o Goberno local reciba este comité para coñecer as necesidades de traballadores/as para aquelas que estime convenientes incluílas nos pregos do novo contrato sempre todas elas en beneficio dos intereses do concello. En concreto, refírense a que conste unha cláusula, como requisito ou mellora, para que no caso de que concorran como Unión Temporal de Empresas (UTE) se use a mesma razón social para contratar a totalidade do persoal, co obxectivo de garantir a igualdade de dereitos laborais na empresa ou empresas concesionarias seleccionadas para prestar este servizo público en Santiago de Compostela. Esta cláusula pode servir, ademais, para contribuír ao control do cumprimento da totalidade das especificacións que se inclúen nos pregos e a solucionar os problemas derivados disto, explicou.
Na reunión con Goretti Sanmartín, o comité de empresa advertiu de numerosas irregularidades na prestación do servizo na actualidade, sobre todo, na falta de mantemento e desinfección dos autobuses urbanos, problemas que van ligados aos cambios de quenda e ao sistema de contratación do persoal dividido en distintas empresas da concesión que cómpre corrixir no futuro para mellorar o seu funcionamento tanto para o persoal como para persoas usuarias.