O BNG propón un programa específico de inclusión social para atallar a conflitividade en Belvís, San Pedro e na Cidade histórica
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón que o Goberno local realice un programa específico de inclusión social para contribuír a solucionar os problemas de Belvís, San Pedro e a Cidade histórica ante a vaga de roubos e de inseguranza derivada, fundamentalmente, do incremento de drogodependencias.
Deste xeito, reclamou que se estabeleza unha liña de traballo específica en Servizos sociais para atallar o aumento de persoas que recaeron en toxicomanías, ademais de incrementar a vixilancia e control da actividade de venda de estupefacientes nestas zonas que mesmo chegan a utilizar vivendas anteriormente baleiras para supostamente realizar estes negocios ilícitos.
Goretti Sanmartín, que participou na concentración do venres pasado en San Pedro para reclamar solucións, trasladou o apoio e solidariedade do BNG ás persoas e comercios que están a sufrir as consecuencias da conflitividade que xeran estas actividades que adoitan ir ligadas á comisión de roubos con violencia para conseguir diñeiro para atender as drogodependencias. Recibiu queixas de persoas que teñen medo de saír das súas casas diante do incremento de ameazas, accións violentas e sensación de inseguranza nas rúas.
Para o BNG, o Goberno local debe procurar solucións xunto con outras administracións e en colaboración con especialistas e asociacións para garantir o dereito á saúde, á vivenda e á inserción laboral para que estas persoas con dificultades derivadas das drogodependencias e da desestruturación social, que se viron agudizadas por mor da pandemia da covid-19, e co obxectivo de recuperar a tranquilidade para a veciñanza e o comercio destas zonas.
O BNG considera tamén que este problema non se vai solucionar só con máis presenza policial, posto que esta é un remedio inmediato que non vai á raíz dos problemas e o que pode é provocar o desprazamento a outra zona da cidade en vez de adoptar medidas que corrixan a natureza social e económica deste conflito.
“Queremos cuestionar o escapismo e o tratamento frívolo do alcalde cando en rolda de prensa fala das denuncias que lle constan en San Pedro e mestura actos violentos con trabadas de cans e sitúa a orixe do conflito nas okupacións”, sinalou. “Volvemos a insistir en que o problema son as actividades relacionadas coa drogodependencia que non se solventarán con actuacións policiais senón con programas específicos de inclusión social que son competencia municipal”, engadiu. “É responsabilidade do Goberno local tratar esta situación con carácter integral e a medio prazo e parécenos unha burla ou descoñecemento as súas declaracións a este respecto”, afirmou Goretti Sanmartín.