INSTITUCIONAL

O BNG propón dedicarlle unha rúa a Manuel Quintáns Suárez e nomealo fillo adoptivo da cidade de Santiago

Manuel Quintáns
Manuel Quintáns
O alumnado deste profesor, escritor e investigador recoñéceo “como un gran mestre e unha boa persoa”, explica Goretti Sanmartín
O BNG propón dedicarlle unha rúa a Manuel Quintáns Suárez e nomealo fillo adoptivo da cidade de Santiago

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2020.- O BNG propón que o Concello de Santiago realice unha declaración institucional para trasladar á Comisión de Títulos, Honras e Condecoracións a petición de dedicarlle unha rúa e nomear fillo adoptivo da cidade Manuel Quintáns Suárez, así como a organización dalgún evento na súa memoria.

Manuel Quintáns Suárez (Santa Comba,1931–Santiago de Compostela, 2020) foi profesor de secundaria, presidente do xurado do certame de novela Manuel Lueiro e como escritor, investigador e divulgador ten publicados numerosos ensaios e contributos ao coñecemento literario e cultural, cunha obra dedicada á recuperación da narración oral, cultura popular, refraneiro galego, patrimonio cultural, dramaturxia e contos tradicionais.

A portavoz municipal Goretti Sanmartín, que foi compañeira de Manuel Quintáns cando era profesora no instituto Eduardo Pondal e coincidiron en numerosos actos culturais, transmitiulle as condolencias á familia en nome do BNG polo seu falecemento. Destacou que “foi sobre todo un mestre no saber facer e da elegancia e o seu alumnado recoñéceo como un gran mestre e unha boa persoa”.

O BNG, que xa trasladou esta proposta a portavoces municipais, agarda que concite unanimidade, ademais de lembrar a necesidade de que se reúna esta comisión que no seu regulamento determina unha periodicidade de tres meses e tan só se convocou unha vez para a sesión de constitución desde que entrou este Goberno municipal.

Goretti Sanmartín agarda que nesa primeira reunión da comisión se dea para diante ás propostas do BNG entre as que estaban 12 nomes de mulleres para contribuír á feminización do rueiro da cidade e que xa foran acordadas no anterior mandato.

Foto: El Correo Gallego

O BNG propón dedicarlle unha rúa a Manuel Quintáns Suárez e nomealo fillo adoptivo da cidade de Santiago