INSTITUCIONAL
Goretti Sanmartín empraza Rubén Prol a chegar a acordos coa comunidade educativa para garantir o acceso universal ao comedor escolar
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, logo da nova distribución de competencias anunciada polo alcalde en que Rubén Prol asume Educación, Mocidade e Políticas lingüísticas, destacou a súa preocupación pola falta de xestión na área de Educación, que está a provocar un caos organizativo en centos de familias que seguen sen saber se dispoñen de praza no comedor escolar.
Nese sentido, o BNG continúa a propor a derrogación do decreto de comedores que o Concello publicou o 9 de setembro para garantir o acceso universal a un servizo esencial. Escudarse en que as ANPA o fan peor noutros sitios é unha mala escusa, para alén da minusvaloración do seu traballo, posto que non dispoñen dos recursos humanos e materiais que posúe o Concello.
Para o BNG, a persoa que se responsabilice de Educación ten que se dedicar ao 100% e estabelecer un diálogo para chegar a acordos coa comunidade educativa, sobre todo, neste tempo en que é necesario xuntar esforzos para a conciliación laboral e familiar de cara á prevención da pandemia.
Por iso, a primeira acción de Rubén Prol, o novo concelleiro, debera ser convocar o Consello escolar municipal, aínda non reunido neste mandato, para tratar de solucionar os problemas que herda neste inicio de curso 2020-2021. Nese sentido, deséxalle acertos e capacidade de escoita nesta nova andaina.
Goretti Sanmartín referiuse tamén a que “non hai confianza nun alcalde que goberna cun grupo en minoría sen intención de chegar a acordos coa oposición, impoñendo os seus criterios e actuando como se tivese maioría absoluta”, como se apreciou até agora e se fixo evidente no Pleno de onte.
“A deriva pouco democrática e de nulo consenso deste xeito de gobernar de Sánchez Bugallo preocúpanos ao BNG porque vai en detrimento da pluralidade e das necesidades da veciñanza que os grupos levamos ao Pleno en forma de iniciativas posto que, de xeito reiterado, desde o grupo de Goberno manifestan que non van cumprir os acordos aínda que saian aprobados cos votos da oposición”, explicou.