PLENO

O BNG propón no Pleno a recuperación de patrimonio compostelán que se encontra no Museo Arqueológico Nacional de Madrid

Escultura do Coro do Mestre Mateo
Escultura do Coro do Mestre Mateo
Trátase de esculturas do Coro do Mestre Mateo da Catedral de Santiago, de dúas columnas do Mosteiro de San Paio de Antealtares e dunha peza do Convento de Santa Clara
O BNG propón no Pleno a recuperación de patrimonio compostelán que se encontra no Museo Arqueológico Nacional de Madrid

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020.- O grupo municipal do BNG proporá no Pleno de xaneiro a recuperación de esculturas do Coro do Mestre Mateo da Catedral de Santiago de Compostela, do Mosteiro de San Paio de Antealtares e do Convento de Santa Clara, así como outras pezas de gran valor patrimonial para Galiza, que se encontran no Museo Arqueológico Nacional de Madrid.

Segundo explicou a portavoz municipal nacionalista, Goretti Sanmartín, hai máis de 30 pezas galegas que se atopan na colección do Museo Arqueológico Nacional dependente do Ministerio de Cultura do Goberno de España. Esta demanda para a súa recuperación parte dun movemento que reclama que pezas usurpadas tempo atrás sexan rescatadas e exhibidas nos lugares de orixe. Así, a vía natural para conseguir este patrimonio galego debe ser pola propia vontade política, xa que está en mans dunha institución do Estado, afirmou.

En concreto, no caso destes bens de Compostela, trátase de dúas esculturas realizadas no obradoiro do Mestre Mateo e pertencentes á Catedral: unha de Santiago o Menor que formou parte do coro da basílica e outra de san Bartolomeu. Destacan tamén na colección dese museo dúas columnas do conxunto escultórico de San Paio de Antealtares do século XII -con imaxes dos apóstolos san Paulo, san Pedro e santo André; e de Santiago o Maior, san Bartolomeu e san Mateu- ou mesmo unha porta de sagrario do convento de Santa Clara de estilo barroco con placas de marfil de época románica, segundo consta no catálogo deste centro.

Ademais, un importante conxunto de torques de gran valor que teñen como lugares de referencia Sobrado dos Monxes, Betanzos, A Coruña, Ortigueira, Cospeito ou Ribadeo forman parte da sección "Protohistoria y Colonizaciones" deste centro público situado en Madrid. Tamén se atopan ferramentas da Idade do Bronce procedentes de distintos lugares do territorio galego, pezas históricas de cerámica da fábrica de Sargadelos e outras obras do románico.

O BNG propón no Pleno a recuperación de patrimonio compostelán que se encontra no Museo Arqueológico Nacional de Madrid