MOBILIDADE
Goretti Sanmartín insta o alcalde “a recapacitar sobre a dotación de novas prazas de aparcadoiro” para mellorar a mobilidade
A portavoz do BNG presenta un estudo de setembro de 2017 que demostra a viabilidade da construción do aparcadoiro de xestión pública no campus sur
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2020.- A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, ante a negativa de construír o aparcadoiro no campus sur, insta o alcalde “a recapacitar da importancia de dotación de novas prazas de aparcadoiro para mellorar a mobilidade en Santiago de Compostela”.
Goretti Sanmartín sinalou que na negociación de Orzamentos houbo “unha boa disposición a facer un estudo preliminar para ver se é viábel o aparcadoiro soterrado en Belvís, cunha posición do grupo de Goberno favorábel, mais hai unha negativa rotunda do alcalde a facer un aparcadoiro no campus sur para dar servizo á USC, á xente que vai facer compras no Ensanche e á veciñanza, ademais de recuperar a residencia para a poboación reducindo coches en superficie no campus”.
Cando o alcalde sinala que as cifras para a construción do aparcadoiro no campus sur “son desorbitadas e non se poden asumir desde o Concello de Santiago”, o BNG considera que “hai documentación que fai viábel este proxecto”. De feito, hai un estudo de setembro de 2017, ao que fai referencia Bugallo, que se fixo por iniciativa do BNG cando gobernaba Compostela Aberta das posibilidades de facer ese aparcadoiro no campus sur “que presenta tres alternativas distintas que se poden facer en fases e con investimentos plurianuais que non causarían un problema como o que traslada o alcalde”, destaca Goretti Sanmartín.
Unha das propostas dese estudo detalla capacidade para 175 prazas cun orzamento de execución material inferior aos 3 millóns de euros, na seguinte alternativa poderíase contar con 480 prazas cun orzamento de execución material de 4,7 millóns de euros e na terceira son 595 prazas cun orzamento de execución material de 6.629.355 euros. Segundo explicou Goretti Sanmartín, o orzamento base de licitación “pode verse incrementado e cos gastos pode roldar os 8 millóns de euros, que non chegan na alternativa con maior número de prazas que se poderían facer en varias anualidades a eses 10 millóns de euros que fala o alcalde”.
“O aparcadoiro do campus sur é unha prioridade para Santiago de Compostela e non se pode equiparar a outras obras nas que se non se recupera o investimento”, afirmou, pois un aparcadoiro de xestión pública dá beneficios e ten un prazo de amortización. Ademais, nese documento estaba previsto capitalizar pola venda de prazas de maneira inmediata unha parte do investimento da obra. O custo de cada praza na terceira proposta sería de 13.258 euros e coa estimación de venda do 60% das prazas recupéranse como mínimo 4,7 millóns de euros de maneira inmediata. “Non é unha operación especulativa, trátase de atender a demanda da veciñanza que necesita prazas de aparcadoiro e darlle solución ao comercio de proximidade”, engadiu.
Deste xeito, emprazou o alcalde “a que se ten outros estudos os poña enriba da mesa e que pense na importancia de dotación de novas prazas de aparcadoiro” para mellorar a mobilidade en Santiago de Compostela. “Pedímoslle que reflexione e recapacite, porque para o BNG este vai ser un tema fundamental nesta negociación orzamentaria e non se debería desbotar pensando que é irrealizábel”, sinalou.
Sobre a reunión de negociación dos Orzamentos, destacou que o grupo de Goberno pretende incluír algunhas das propostas do BNG mais non se compromete, de momento, a facer o proxecto da planta de compostaxe, nin o plan para dinamizar a vivenda baleira para abaratar o alugueiro nin o aparcadoiro de xestión pública no campus sur.