PLENO
Goretti Sanmartín propón que o Concello de Santiago se faga entidade protectora ou mecenas da Casa de Rosalía de Castro
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal BNG, Goretti Sanmartín, defenderá unha moción no Pleno para que o Concello de Santiago de Compostela se faga entidade protectora ou mecenas da Casa de Rosalía de Castro.
A Casa de Rosalía en Padrón, sostida pola Fundación Rosalía de Castro, é unha entidade privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vinculadas ao galeguismo. A colaboración económica de familias, empresas e institucións de todo o país e da emigración galega fixeron posíbel a apertura da Casa-Museo en 1972.
Na actualidade, esa fundación está nun proceso de adhesións na procura de financiamento para ofrecer un mellor servizo de difusión do legado de Rosalía de Castro coas figuras de voluntariado, amizade, protectorado e mecenado. “Este 24 de febreiro é unha boa ocasión para colaborar e estreitar lazos da Corporación municipal compostelá con esta entidade”, destacou Goretti Sanmartín.
Restauración da escultura e sinalización dun roteiro
Outra das accións que debe realizar o Concello de Santiago é a restauración da escultura en homenaxe a Rosalía de Castro que se atopa no parque da Alameda de Santiago de Compostela, erixida en 1917 por subscrición popular. Ademais de insistir na necesidade de limpeza da obra, con métodos non agresivos para evitar danar a pedra de Novelda e o mármore de Carrara cos que foi realizado o monumento, pódese apreciar que ten algunha parte fragmentada que urxe reparar e frear a súa deterioración, explicou.
O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro co obxecto de difundir a obra, o pensamento e o impulso ao idioma galego que supuxo a recuperación do uso literario por parte da escritora galega máis universal. Entre as propostas para a celebración desta xornada, o BNG proporá no Pleno que, ademais das actividades de lectura pública da súa obra, o Concello de Santiago sinalice un roteiro de xeito permanente nos lugares máis destacados da traxectoria vital e profesional da escritora con información da súa vinculación á cidade.