PLENO
O BNG pregunta pola convocatoria de proxectos para solidariedade e cooperación internacional
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020.- A portavoz do grupo municipal BNG, Goretti Sanmartín, rexistrou unha pregunta para o vindeiro Pleno para saber cando ten previsto o Goberno local realizar a convocatoria de proxectos para o Fondo Galego de Cooperación, toda vez que en 2019 había 120.000 euros consignados e non se chegou a publicar.
En Santiago de Compostela hai numerosas persoas e entidades de solidariedade e cooperación con países en desenvolvemento, que fan un destacado labor para a loita contra as desigualdades. “Santiago, capital do país, debe dar exemplo en políticas de cooperación internacional”, sinalou Goretti Sanmartín.
Lembrou a portavoz municipal do BNG que o Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña foron “administracións pioneiras con convocatorias públicas para a cooperación e o desenvolvemento”. Así, colabora anualmente co Fondo Galego de Cooperación mediante a Coordinadora Galega de ONG e, de feito, tiña consignados 120.000 euros nos Orzamentos de 2019 para esa convocatoria e, a pesar diso, non se chegou a publicar.
Por estes motivos, preguntará no Pleno cando ten previsto o Goberno local realizar a convocatoria de proxectos para o Fondo Galego de Cooperación neste 2020, co fin de atender as solicitudes e a demanda para estes proxectos.