SANIDADE

O BNG propón que a reforma da Lei de Saúde inclúa melloras do sistema sanitario que afectan a Compostela

Elvira Cienfuegos e Iria Carreira
Elvira Cienfuegos e Iria Carreira
A deputada Iria Carreira advirte que a falta de planificación sanitaria na comarca se percibe nas carencias da UCI de adultos, atención primaria, residencias e pediatría, entre outras
O BNG propón que a reforma da Lei de Saúde inclúa melloras do sistema sanitario que afectan a Compostela

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021.- A deputada Iria Carreira, responsábel parlamentar do BNG na área de Compostela, propuxo medidas para incluír na reforma da Lei de Saúde que lle afectan á comarca, como a regulación do incremento de profesionais e medios axeitados “para acabar, dunha vez por todas, coa precariedade laboral porque non pode ser que o Sergas siga funcionando como unha gran empresa de traballo temporal”.

A responsábel comarcal do BNG, Elvira Cienfuegos, que compareceu xunto Iria Carreira en rolda de prensa, sinalou que “para o BNG é prioritario en materia sanitaria atender á prevención e curación de persoas afectadas por covid e polas demais enfermidades”, mais sinalou que “a tramitación urxente da modificación da Lei de Saúde para nada incide na mellora da asistencia sanitaria e que fundamentalmente trata de medidas de carácter restritivo e punitivo”.

Pola súa parte, Iria Carreira advertiu que a reforma da Lei de Saúde que está a tramitar o PP faise “sen diálogo coas partes implicadas, coas profesionais da sanidade, pola vía de urxencia e limita a posibilidade dos debates e de chegar a acordos, cunha marcada opacidade e escurantismo”.

Esta reforma pretende limitar e restrinxir dereitos fundamentais das galegas e dos galegos, sen que exista unha temporalidade para a súa aplicación nin a obriga de render contas ante o Parlamento de Galiza polas medidas adoptadas, sinalou. “Esta lei pretende crear un estado de alarma semi-permanente sen ningún tipo de control”, alertou, “e non procura mellorar a saúde das galegas nin recolle medidas destinadas a mellorar o sistema sanitario; é un compendio de sancións, de restricións e de multas”.

Non inclúe melloras na UCI nin na atención primaria da comarca de Compostela

No relativo á comarca de Compostela, indicou que nesta modificación da Lei de Saúde non se inclúen medidas para a intervención das residencias de maiores, “que foron tristemente o principal foco de mortalidade nesta pandemia”. “Cómpre lembrar cando ao comezo desta pandemia a residencia Domus Vi de San Lázaro acumulou un grande de falecementos e de contaxiadas, tanto entre as propias usuarias do centro como entre o persoal traballador” sen a intervención directa da Xunta para dotar dos medios de prevención pertinentes.

Esta falta de planificación sanitaria na comarca percíbese tamén co que acontece na UCI de adultos de Santiago onde as profesionais secudan xa 13 semanas en folga para reclamar melloras nas instalacións e a Xunta vén de anunciar a licitación do contrato para esta actuación que prevé a redución de camas de coidados intensivos, pasando de 15 a 12.

En Ordes tamén se detectou a falta de profesionais de pediatría, de médicos de atención primaria e mesmo o PAC tivo que permanecer pechado polas tardes ante as evidentes carencias de recursos humanos.

No caso de atención primaria, o Orzamento da Xunta para 2021 é menor que o de 2009, explicou a deputada. “No BNG defendemos que a crise sanitaria precisa medidas para mellorar a sanidade, posto que o sistema galego de saúde xa estaba debilitado despois dunha década de recortes do Goberno de Feijóo”, afirmou. “Reclamamos profesionais suficientes e medios axeitados para acabar, dunha vez por todas, coa precariedade laboral porque non pode ser que o Sergas siga funcionando como unha gran empresa de traballo temporal (ETT)”, engadiu.

Deste xeito, indicou que cómpre recuperar as áreas sanitarias comarcais que foron suprimidas polo PP e que empeoraron a calidade sanitaria das áreas periféricas, ademais de crear un sistema de rastrexo da covid que sexa público, dotado con persoal e medios necesarios, para poder atallar a transmisión de casos positivos e evitar a expansión da pandemia.

“Coa chegada da vacina vemos a importancia da ciencia e da investigación sanitaria, cando temos en Compostela e no noso país profesionais de primeiro nivel con liñas de investigación que son punteiras no panorama internacional e que, en cambio, subsisten cunhas condicións laborais lamentábeis”, explicou.

O BNG propón que a reforma da Lei de Saúde inclúa melloras do sistema sanitario que afectan a Compostela