PLENO
Navia Rivas traslada ao Pleno as demandas da veciñanza para a modificación das obras dos Concheiros
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021.- A concelleira do BNG Navia Rivas presentará unha moción no Pleno para promover unha nova fase de diálogo coa veciñanza para introducir as modificacións necesarias no proxecto de reurbanización dos Concheiros, as Fontiñas e Home Santo.
O grupo municipal do BNG mantivo unha reunión con representantes veciñais dos Concheiros ante a falta de diálogo nesta obra da Xunta e do Concello de Santiago, posto que estiman que se debe incrementar a transparencia e incluír propostas procedentes do asociacionismo veciñal, ademais de requirir o plan de mobilidade e controlar os acabados e calidade da obra.
As obras de remodelación dos Concheiros dispoñen dun orzamento de 2,5 millóns de euros para un ámbito de actuación de 6.700 m2, no proxecto da Xunta para mellorar a integración paisaxística dos camiños de Santiago en Compostela, que vai supoñer un cambio importante en accesibilidade, mobilidade, distribución de espazos e tránsito viario para unha parte importante da veciñanza de Santiago.
Se ben é necesaria unha mellora da accesibilidade dos Camiños de Santiago, a pacificación do tráfico na avenida de Lugo e a reforma da paisaxe urbana, cun deseño que permita converterse nun espazo de paseo e non ser un periférico en pleno centro de Santiago, estas actuacións deben ser dialogadas e consensuadas coa veciñanza dos barrios dos Concheiros e das Fontiñas, como xa se reclamou aos inicios da elaboración do proxecto, tendo en conta que hai censadas xa só no barrio de San Pedro unhas 9.000 persoas.
Mais unha vez, recóllense queixas do asociacionismo veciñal sobre a falta de información e de canalización das súas propostas. Deste xeito, a falta dun procedemento de diálogo e de participación coa veciñanza do ámbito afectado está a provocar malestar constante debido ás novidades que supón atoparse con reformas de actuación sen o seu coñecemento.
Na zona dos Concheiros transitaban arredor de 20.000 vehículos diarios e descoñécese o plan de mobilidade e os cambios de fluxo de tráfico que se van producir, quer cara ás Fontiñas quer de entrada e saída do barrio en xeral. A iso súmase a inquedanza xurdida na zona de Home Santo, tanto polo acceso que vai quedar desde os Concheiros restrinxido a dirección única, como desde San Caetano, ao coincidir tamén coa remodelación da área da vella estación de autobuses que debe dar conexión a esta rúa intermedia de xeito accesíbel.
Existe tamén preocupación na veciñanza pola masa arbórea, de especies de gran porte, que están a dispoñer entre Os Concheiros e As Fontiñas, unhas árbores que poden causar estragos na rede de saneamento e que, na súa opinión, poden intensificar a división entre estes barrios.
Deste xeito, o BNG proporá no Pleno que o Concello e a Xunta promovan unha nova fase de diálogo con representantes veciñais dos Concheiros, Fontiñas e Home Santo para realizar as modificacións pertinentes nos proxectos de reurbanización desta área, onde primen a accesibilidade e a mellora da paisaxe urbana.