O BNG propón unha reforma do regulamento do Pleno para gañar transparencia e participación veciñal
Rubén Cela destacou o interese de que os orzamentos sexan verdadeiramente participativos para o 2016
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa, que defenderá no vindeiro Pleno polo simbolismo de ser o primeiro deste mandato, para gañar transparencia, favorecer a participación veciñal e mellorar o funcionamento do Concello de Santiago.
En concreto, na proposición rexistrada polo BNG requírese que o Concello de Santiago cree unha comisión con presenza dos catro grupos con representación municipal para a reforma do regulamento orgánico municipal do Pleno do Concello de Santiago -aprobado o 27 de decembro de 2007 e publicado no BOP da Coruña do 31 de xaneiro de 2008- co obxectivo de ter antes de que remate 2015 un novo documento normativo que rexerá o máximo órgano de decisión e de representación cidadá, como o é Pleno municipal. Quérese así contribuír a promover a participación da veciñanza e do asociacionismo na xestión municipal, ao tempo que favoreza a democratización, axilidade e transparencia na toma de decisións, recolle o texto da iniciativa.
Así, Rubén Cela afirmou que é indispensábel modificar o regulamento orgánico municipal do Concello de Santiago, que precisa dunha revisión integral. Lembrou que todos os partidos políticos na pasada campaña electoral puxeron propostas enriba da mesa que é o momento de facer viábeis, ademais de que a experiencia indica que o texto actual é mellorábel.
Para o BNG urxe facilitar a participación veciñal nos Plenos, así como o seu acceso, para que mesmo se poidan convocar fóra do Pazo de Raxoi cando existen temáticas que espertan grande interese social e lembrou os casos das preferentes, do mercado de gando de Amio e do parque de Galeras, entre outros, onde quedaba moita xente sen poder asistir á sesión plenaria cando hai instalacións municipais que se poden habilitar para estes casos. Ademais, no ámbito da participación, Rubén Cela destacou o interese de que os orzamentos sexan verdadeiramente participativos para o 2016, algo no que en campaña electoral todos os grupos estaban de acordo, mais agora queda concretalo e regular a participación do asociacionismo veciñal na confección das contas municipais. Para poder aprobalo en tempo en forma antes do 31 de decembro, o Goberno local xa debería estar traballando na elaboración dos orzamentos de 2016 e, de existir novos mecanismos de participación, hai que regulalos de xeito inmediato.
Sobre a transparencia, afirmou que sen agardar xa se pode facer a retransmisión en streaming das sesións plenarias ou a publicación das axendas dos cargos, por exemplo. En canto ao funcionamento do Pleno municipal, para o BNG é necesario revisar o regulamento para mellorar a axilidade, efectividade e tratar o máximo de temas con maior operatividade, explicou.
A modificación do regulamento é unha condición necesaria pero non suficiente; hai que aplicalo, advertiu, porque o actual regulamento contiña aspectos positivos que non se realizaban como o Debate do Estado do Concello ao que se negou o PP no último mandato ou a contestación das preguntas por parte do Goberno local nun prazo máximo de 15 días, que non se aplicaba antes nin se fai agora. Así, puxo como exemplo unha pregunta realizada polo BNG o 21 de xullo sobre os comedores escolares, da que aínda non se obtivo resposta por parte do executivo local e que sae contestada precisamente hoxe na prensa e ese non debe ser o cauce, subliñou.