O BNG requirirá no Pleno unha revisión integral da ordenanza-mordaza de uso de espazos públicos
Insta a que o Goberno local facilite a conexión eléctrica nos eventos de entidades sen ánimo de lucro, que regule mellor as fianzas económicas que se depositan para a organización de actos e que permita xogar a nenos e nenas nas prazas públicas
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2015.- O portavoz do grupo nacionalista, Rubén Cela, presentou unha iniciativa para requirir unha revisión integral da ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, coñecida como ordenanza-mordaza pola súa discrecionalidade e limitación de dereitos fundamentais, como os dereitos de reunión, de expresión e de manifestación.
En Santiago de Compostela, a norma aplicábel para o uso de espazos públicos é a aprobada en 2012 por Conde Roa con ampla oposición social e co voto en contra do BNG. Das modificacións introducidas froito daquelas mobilizacións e das alegacións rexistradas na redacción final da ordenanza produciuse o cambio de denominación de fianza polo eufemismo garantía que se require na actualidade para conceder a autorización de actividades. Para o BNG, cómpre revisar os criterios destas fianzas, as contías e os procedementos para a súa devolución requiridas na actualidade para a organización e difusión de eventos públicos, sociais, deportivos e culturais a entidades sen ánimo de lucro. Non é razoábel cobrar unha fianza de 400 euros a unha entidade por realizar un vídeo-fórum nunha praza pública ou 1.000 euros por instalar unha pancarta na alameda de Santiago, explicou Rubén Cela. Así, o BNG defende un depósito proporcional ao acto organizado e estabelecer a súa devolución de oficio nun prazo máximo de 15 días transcorridos dende a celebración.
Tamén é negativo o feito de que se manteñan na actualidade as autorizacións en precario no artigo 111 desa ordenanza, coa potestade para revogar as autorizacións previamente concedidas para o uso dun espazo público. Esta discrecionalidade, desproporcialidade e arbitraridade producen un efecto disuasorio para organizar actividades por parte de moitas asociacións da cidade, explicou.
Outras diferenzas xa expresadas polo BNG con esta ordenanza refírense a aspectos concretos como a falta de regulación da actividade de músicos e músicas de rúa, da expresión artística na cidade ou da venda de recordos turísticos.
Segundo lembrou Rubén Cela, esta ordenanza prohibe a nenos e nenas xogar en rúas e prazas e limita exclusivamente esta actividade aos parques infantís; o BNG está por outro modelo de cidade, máis viva e dinámica, afirmou. Non vemos problema en que os nenos e as nenas xoguen, por exemplo, na praza da Quintana, mais actualmente esta ordenanza non o permite, engadiu.
Para o BNG urxe tamén buscar unha solución definitiva ao conflito das autorizacións das conexións eléctricas nos eventos públicos, pois logo das denegacións reiteradas por parte do Concello, moitos colectivos tiveron que recorrer aos xulgados para conseguir eses enganches de luz. Pese a iso, o Concello de Santiago seguiu sen autorizar a conexión eléctrica para a megafonía en actos organizados pola plataforma SOS Sanidade Pública, Queremos Galego, CIG, Plataforma Galega en Defensa do Ensino, Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Galiza Nova e o BNG, entre outros. En todos eses casos onde se denegaban os enganches de luz hai sentenzas xudiciais que obrigan o Concello de Santiago a autorizalo, porque nunca unha ordenanza municipal está por riba dunha lei de rango superior e, ademais, está garantido e debe facer prevalecer os dereitos fundamentais que amparan as reunións e as manifestacións. En todos eses casos, os xuíces e as xuízas obrigan o Concello de Santiago a autorizar eses enganches de luz e a permitir o uso das megafonía, explicou ao tempo que amosou un cartafol coas sentenzas favorábeis aos intereses dos colectivos sociais.
Pese a non formar parte da ordenanza, o BNG require tamén unha revisión dos criterios de uso da rede de centros socioculturais de Santiago de Compostela. Lembrou que coa chegada do PP se fixo unha regulación interna para prohibir o uso das instalacións dos centros socioculturais a entidades sindicais e políticas. Entendemos que é unha discriminación e que, sempre que non haxa actividade previamente programada nos centros socioculturais, unha entidade sindical ou política debe poder solicitar o uso dun espazo público municipal, indicou Rubén Cela.