O BNG proporá no Pleno a creación dun rexistro de camiños públicos para a súa conservación
Require que este inventario da rede viaria se lle expoña á veciñanza para que se poidan facer alegacións e contribuír á súa identificación e clasificación
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno destinada a crear un rexistro de camiños públicos e a súa correspondente ordenanza. En concreto, fai referencia ás vías de dominio público e patrimonial e tamén ás servidumes de paso.
A medida que a sociedade agrícola se transforma, explicou Rubén Cela en rolda de prensa, algúns camiños convértense en estradas, viarios e rúas do municipio mentres que outros seguen a ser camiños de servidume que poden chegar a rematar xudicializados pola determinación da súa propiedade. Se ben é certo que existe unha presunción de camiño público respectada pola veciñanza, non sempre se respecta no outorgamento de licenzas de edificación ou parcelacións, o que dá lugar a posíbeis conflitos entre a veciñanza coa Administración, engadiu.
No BNG entendemos que os xestores do público teñen que velar polo interese colectivo e polo que é de todos e de todas, é certo que hai veces que algúns camiños que se deixan de usar acaban interiorizados como bens privativos por parte dalgúns veciños ou veciñas, sinalou.
Nese sentido, a Lei de Bases de Réxime Local estabelece que son os municipios os que teñen que exercer as competencias en materia de conservación de camiños e vías públicas. Iso implica inventariado, afectación, desafectación, deslinde, ampliación, sinalización, mantemento, regulación de usos, vixilancia, disciplina e recuperación.
Por este motivos, o BNG proporalle ao Concello de Santiago que, igual que se fixo noutros concellos do país que teñen aprobados estes inventarios, se realice aquí sexa exposto para o conxunto da veciñanza para que se poidan facer as pertinentes alegacións e contribuír á súa identificación e clasificación, co fin de regular a situación dos camiños públicos e das servidumes de paso.