O BNG preguntará no Pleno pola anómala situación das obras do Centro Sociocultural do Romaño
Requírelle ao alcalde que resolva os trámites con celeridade e transparencia, para que a veciñanza poida usar este espazo
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG realizará no vindeiro Pleno unha pregunta oral para coñecer as causas que motivan que as obras do Centro Sociocultural do Romaño-Vista Alegre sigan sen certificar cando levan máis dun ano sen prórroga recoñecida.
A obra tiña que estar entregada para comezar a funcionar en xaneiro de 2015, polo que o BNG trasládalle ao alcalde a súa inquedanza para que resolva esta situación anómala coa máxima celeridade e transparencia co obxectivo de que a veciñanza poida usar este espazo para desenvolver as súas actividades.
A Xunta de Goberno Local adxudicou en maio de 2014 este contrato por un importe de 631.240 euros mais IVE, cun prazo de execución de 10 meses dende o inicio das obras. Parte dos gastos de contratación corresponden ao programa Santiago Urbana Norte, cofinanciado pola UE con cargo ao FEDER.