O BNG traslada 10 propostas á negociación dos Orzamentos 2016
Rubén Cela quere darlle prioridade ás políticas sociais e de creación de emprego, mantemento da rede viaria e dos centros educativos, cultura e normalización lingüística e investimentos para cumprir acordos plenarios
Require tamén maior transparencia por parte do Goberno local de Compostela Aberta no destino dos fondos públicos
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa as 10 propostas que lle trasladou ao grupo de Goberno para a súa inclusión nos orzamentos de 2016, centradas en priorizar as políticas sociais e de creación de emprego, no mantemento da rede viaria e dos centros educativos sobre novos investimentos, na recuperación do tempo perdido en cultura e normalización lingüística e tamén en dar cumprimento a compromisos públicos ou plenarios.
Con carácter previo á formulación de propostas concretas, Rubén Cela demandoulle ao Goberno local a entrega de documentación elemental dos orzamentos municipais para 2016. En concreto, a proposta de Bases de Execución, o Marco Xeral de Estabilidade Orzamentaria, a estimación da Liquidación de 2015 e o Plan Económico Financeiro (PEF) que, despois de reiteradas reunións, seguen sen facilitarlle á oposición.
Requiriu tamén unha clarificación sobre o cumprimento ou non do fixado na Lei de Estabilidade a respecto do teito de gasto e da liña que pensa seguir o Goberno municipal ao respecto. Outra das peticións do BNG é o que denominou transparentación de partidas opacas; isto é, unha revisión de todas das partidas, a priori, máis opacas como Gastos diversos, Estudos e traballos técnicos ou Publicidade, con independencia de que se producise un descenso nas mesmas con respecto ao anterior exercicio. Deberíase especificar en maior grao o seu destino último ou proceder á súa diminución ou supresión en aras de gañar transparencia nos fondos públicos, explicou.
Queda pendente de entregar tamén, por parte do Goberno local, a documentación xustificativa de incrementos nas partidas de ingresos, así como cumprir o compromiso de revisión do modelo de subvencións nominativas. No BNG entendemos que é preciso camiñar cara ao adelgazamento das subvencións nominativas, indicou, mais na proposta do grupo de Goberno, propóñense 22 novas subvencións deste tipo e un incremento na contía total dun 16% con respecto a 2015.
Propostas concretas do BNG para incluír nos Orzamentos 2016
En canto ao paquete de medidas que o BNG trasladou para a incorporación nos orzamentos, está incrementar a dotación destinada a emprego e servizos sociais. Entre as propostas, fixo especial fincapé nas axudas escolares a familias con menos recursos.
Un plan de choque para o mantemento da rede viaria, coa duplicación do orzamento previsto e a inclusión das actuacións do Goberno municipal anunciadas para acometer en dous anos se poidan realizar no exercicio 2016. Nese sentido, o BNG considera que habería que recoller unha partida específica para o caso de asolagamentos, en catro anualidades e, polo tanto, consignar a tal efecto, un mínimo de 150.000 euros para o presente exercicio.
Require tamén un plan cuadrianual de mantemento e mellora dos centros de ensino, máis alá de que o capítulo de investimentos conteña unha partida de 300.000 euros para a reparación do Pavillón do Santiago Apóstolo, entendemos que o que fai falta non son actuacións puntuais senón un criterio global nun horizonte temporal plurianual. Debe realizarse un diagnóstico global da situación dos centros e, en función deste, unha priorización de actuacións e folla de ruta como mínimo a catro anos (ramplas, baños adaptados, pingueiras, calefacción, ventás, instalacións deportivas, etc.) a realizar mediante un mantemento permanente desde o servizo municipal.
É necesario incluír unha partida para a nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), pois o feito de non consignar orzamento municipal, desde o noso punto de vista, implica que o Goberno local asume que non se vai avanzar nada durante o exercicio 2016 a este respecto, cousa que para o noso grupo é inaceptábel.
Entendemos que as solucións en materia de aparcadoiros en superficie deben ser unha prioridade deste mandato se se quere camiñar nunha maior humanización de determinadas zonas de Santiago, explicou Rubén Cela. Nese sentido, o BNG propón incluír dotacións orzamentarias para acondicionamento aparcadoiro nas inmediacións do Conservatorio Profesional de Música e rúa Altiboia, aprobado en sesión plenaria a proposta do grupo municipal do BNG; e un estudo para o aparcadoiro público Campus Sur que dea servizo ao Ensanche compostelán, entre outros.
Para o BNG tamén é prioritaria unha suba na partida destinada á Cultura e á Normalización Lingüística.
A inclusión nos orzamentos municipais de partidas específicas para dar cumprimento a acordos plenarios é outra das prioridades do BNG. Só no caso de iniciativas impulsadas polo BNG, que se teñen aprobado no Pleno municipal, están a Senda Peonil ao Pedroso e ao Milladoiro, o acondicionamento do Belvedere no espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo, o arranxo da Casa das Máquinas de Galeras, actuacións para a mellora da seguridade viaria de motoristas, un Plan de accesibilidade de marquesiñas e incremento paneis informativos nas parada dos buses, o Parque urbano das Hortas e o arranxo da calefacción do CSC de Santa Marta, entre outras.
Ademais, o BNG require un aumento da partida de formación do persoal municipal, cunha cantidade non inferior á habilitada antes da aplicación do Plan de Axuste, dirixido específicamente á formación vinculada á promoción interna así como a actuacións de mellora da galeguización da Administración municipal.