O BNG pregunta pola demora do inicio das obras de pavimentación na avenida de Vilagarcía
O contrato formalizouse, por urxencia, hai máis de tres meses e a obra non comezou
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, rexistrou unha pregunta para coñecer os motivos do atraso do inicio da obra de pavimentación da avenida de Vilagarcía, entre Rosalía de Castro e Romero Donallo, cando o contrato se formalizou hai máis de tres meses.
Na Xunta de Goberno local do 16 de outubro de 2015 adxudicouse, por urxencia, o contrato de pavimentación da avenida de Vilagarcía entre Rosalía de Castro e Romero Donallo, cun importe de 330.471 euros máis IVE. Este contrato formalizouse 10 días despois e tiña un prazo dun mes para a comprobación do replanteo, logo o contratista debía iniciar as obras nos 15 días seguintes á sinatura da acta de comprobación do mesmo, tal como recolle a documentación do expediente.
Deste xeito, o BNG quere coñecer en que situación se atopa este contrato e os motivos do atraso no inicio das obras, dado que se tramitou por urxencia e aínda non comezaron.