O BNG pregúntalle ao alcalde cando vai mudar a ordenanza mordaza que regula os usos da vía pública
O Concello de Santiago non devolveu a fianza de 6.000 euros requirida para a organización do Festigal 2015, un evento celebrado hai máis de seis meses
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, para coñecer que previsión ten o Goberno local para cumprir o acordo plenario de revisión da ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, tamén coñecida como ordenanza mordaza. Ademais, quere saber cando ten previsto efectuar a devolución da fianza de 6.000 euros correspondente ao Festigal 2015, un evento celebrado o 24 e 25 de xullo, cando outras organizacións teñen recibido o reintegro do depósito económico que lles solicitaron.
No Pleno ordinario de setembro de 2015 aprobouse unha proposición relativa á necesidade de revisar a ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública, co obxectivo de garantir os dereitos fundamentais de colectivos e entidades que organicen actividades na cidade de Santiago, tanto no relativo a facilitar a conexión eléctrica nos eventos, na regulación e devolución urxente de fianzas e garantías económicas depositadas e noutros aspectos que na norma actual manteñen arbitrariedade á hora de conceder ou non autorizacións municipais.
Alí especificábase que é necesario fixar os criterios utilizados para as fianzas na organización e difusión de eventos públicos, sociais, deportivos e culturais a entidades sen ánimo de lucro, así como estabelecer a devolución desta garantía económica nun prazo máximo de 15 días transcorridos dende a celebración de cada acto.
Porén, o Concello de Santiago ten pendente a devolución de 6.000 euros á Fundación Galiza Sempre, organizadora do Festigal hai máis de 6 meses, que foi solicitada por escrito, cando outras entidades e organizacións políticas que fixeron eventos nesas datas xa recibiron o importe depositado.