O BNG advirte que o Goberno local cambiou o "Mapa escolar sen contar coa comunidade educativa
Para a Modificación de zonas de escolarización, segundo a normativa vixente, é preceptivo consultar o Consello Escolar Municipal
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016.- O grupo municipal do BNG, diante da aprobación da Modificación de zonas de escolarización en Santiago para o curso escolar 2016-2017 sen a preceptiva convocatoria do Consello Municipal de Educación, pregúntalle ao alcalde os motivos de non contar coa comunidade educativa local para un cambio dese calado.
Deste xeito, o BNG amosa un dobre malestar porque non se cumpriu cos trámites perceptivos de participación e porque a proposta, tal como foi aprobada, podería estar a favorecer os centros concertados fronte aos públicos.
Na Xunta de Goberno Local do 5 de febreiro aprobouse unha proposta do concelleiro delegado de Educación e Cidadanía relativa ao expediente "Modificación de zonas de escolarización en Santiago para o curso escolar 2016-2017. Segundo a documentación remitida pola Xunta de Galiza, o Concello de Santiago, diante da proposta formulada polo Servizo Territorial de Inspección Educativa, debía manifestar a conformidade ou desconformidade da proposta; mesmo existía a posibilidade de emitir as alegacións que se estimasen oportunas.
Ademais, segundo a normativa vixente, e tal como se reflicte na documentación achegada á Xunta de Goberno habería que consultar tamén ao Consello Escolar Municipal, onde está representada a comunidade educativa local.