O BNG proporá no Pleno medidas na contratación municipal para mellorar a transparencia
Require a publicación dos contratos da administración na web municipal, a ampliación do Perfil do Contratante e a inclusión de cláusulas sociais e de responsabilidade laboral nos pregos
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do nacionalista, Rubén Cela, presentou unha proposición que o BNG defenderá no vindeiro Pleno relativa á necesidade de instaurar a transparencia, a participación e a responsabilidade social como eixes fundamentais da xestión do Goberno municipal de Santiago de Compostela.
Segundo explicou Rubén Cela, esta iniciativa enmárcase nunha batería de propostas vinculadas a políticas de transparencia que vai trasladar o BNG ás vindeiras sesións plenarias, porque durante a campaña electoral todas as organizacións políticas coincidiamos en que este tiña que ser o mandato da posta en marcha de medidas que permitiran transparentar, aínda máis, a xestión municipal e, nese sentido, xa transcorreu un tempo razoábel de asentamento do novo Goberno local e esas medidas téñense que empezar a plasmar na vía práctica.
En concreto, esta iniciativa do BNG está centrada na contratación pública e require que o Concello de Santiago restabeleza, de inmediato, a publicación na web municipal dos contratos menores (as adxudicacións directas de até 18.000 euros que non requiren licitación nin presentación de varias ofertas).
Ademais, igual que se facía nalgunhas concellarías durante o anterior mandato municipal, a pesar de non ser obrigatoria por lei, propón a publicación previa no Perfil do Contratante dos contratos que vaian ser tramitados mediante procedemento de negociado sen publicidade (aqueles contratos para os que se solicitan un mínimo de tres ofertas diferentes, para que calquera empresa poida optar a presentarse).
A terceira medida vai destinada a incluír cláusulas sociais e de responsabilidade laboral, tanto nos contratos de servizos como de obras, para o cumprimento dos dereitos fundamentais das traballadoras e dos traballadores nas adxudicacións, contratacións e pregos municipais, explicou Rubén Cela.
A contratación pública non é un fin en si mesma, nin constitúe exclusivamente un medio para a obtención de prestacións, obras ou servizos nas condicións economicamente máis vantaxosas para a administración, indicou, a contratación pública é, sobre todo, unha ferramenta xurídica ao servizo dos poderes públicos para o cumprimento dos seus fins e valores fundamentais: cohesión social, redistribución da riqueza, igualdade e xustiza.