PLENO

O BNG reclama que o Concello adapte novas instalacións para hóckey sobre patíns

Máis de 300 nenos e nenas de Compostela carecen de espazos suficientes ben acondicionados para a práctica deste deporte

O BNG reclama que o Concello adapte novas instalacións para hóckey sobre patíns

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2018.- O BNG traslada ao Pleno unha demanda dos clubs de hóckey de Compostela que traballan desinteresadamente por promover hábitos saudábeis na poboación infantil e na mocidade para que o Concello adapte máis instalacións para a práctica desta actividade.

Na actualidade 300 crianzas tratan, con moita dificultade, de practicar o hóckey sobre patíns e só dispoñen dun pavillón deportivo e sempre na franxa do horario extraescolar. Cada vez élles máis difícil acomodar nun único pavillón os partidos da competición galega que se programan por imperativo federativo. Deben realizar 1 das 3 sesións de adestramento no pavillón do CEIP Santiago Apóstolo, que carece de acondicionamento necesario para este deporte.

Os clubs de hóckey manifestaron que se dirixiron en diversas ocasións á Concellaría de Deportes para solicitar que se acondicionase outro pavillón para a práctica deste deporte, mais obtiveron sempre o silencio por resposta. Deste xeito, o BNG reclama que o Goberno local de Compostela Aberta ofreza o apoio necesario e acondicione as instalacións necesarias para a práctica deste deporte.

O BNG reclama que o Concello adapte novas instalacións para hóckey sobre patíns