O BNG reclama no Congreso que os Orzamentos inclúan melloras de infraestruturas na Comarca de Santiago
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a través das emendas presentadas aos Orzamentos do Estado a execución de melloras de infraestruturas na comarca de Santiago, concretamente, nos concellos de Ordes, Oroso, Padrón e Ames. Súmanse aos 23 millóns en actuacións que o nacionalista defende incluír nas contas estatais para a capital galega.
Ademais das importantes actuacións que Néstor Rego demanda para Santiago e que reverterán en beneficio dos concellos da contorna, como a estación de mercadorías da Sionlla, a recuperación e plan de usos para a vella terminal de Lavacolla, a creación dun viveiro de comercio ou o saneamento do Sarela, o BNG leva ao Congreso a defensa de melloras infraestruturais no territorio da comarca, con actuacións en Ordes, Oroso, Padrón e Ames.
As emendas que o deputado nacionalista presenta ao Proxecto de Orzamentos do Estado teñen como obxectivo darlle a volta a unhas contas que, como denuncia Néstor Rego, "seguen a ser inxustas xa que no conxunto dos Orzamentos destínase a Galiza un 11% menos a nivel xeral cando sobe nun 19,4% e un 68% no capítulo de investimentos".
Neste sentido, o BNG presentou unha ampla batería de emendas que inclúen importantes melloras infraestruturais na comarca de Santiago en resposta ás demandas que a veciñanza reclama e que o goberno do PSOE-Podemos non contemplou no Proxecto de Orzamentos do Estado.
Entre outras iniciativas de mellora da mobilidade e infraestruturas viarias, o BNG reclama actuacións para evitar asolagamentos na N-550 ao seu paso polos lugares de Merelle, Mesón de Deus, Fonte Estrei, no concello de Ordes, cun orzamento estimado de 500.000€, mellora que xa presentara a organización local co apoio de sinaturas de veciñas e veciños na demarcación de estradas do Estado sen ter ningunha resposta.
O BNG esixe tamén a solución á inseguridade da veciñanza no paso a nivel sen barreiras en Iria Flavia, un traxecto moi transitado por estar á altura do Camiño Portugués no concello de Padrón, o que suporía un investimento de 300.000 €.
Sen saír do concello de Padrón, o BNG solicita que se inclúan no Orzamento os 800.000 € necesarios para unha actuación no peirao de "A Ponte" que se atopa en estado ruinoso, a pesar do seu interese tanto portuario como etnográfico e cultural.
As emendas que o deputado nacionalista defende para a comarca de Compostela inclúen asimesmo o traslado das antenas situadas ao pé dos pavillóns deportivos no centro de Sigüeiro, concello de Oroso, co fin de poder rematar a urbanización peonil da zona.
O BNG defende no Congreso a consignación nas contas de 10 millóns de euros para a nova estación depuradora de Santiago e Ames, o que multiplica por máis de vinte os 448.000 euros que o goberno do PSOE-Podemos recolle para o 2021, claramente insuficientes para a organización nacionalista.
"As emendas presentadas son demandas imprescindíbeis da veciñanza da comarca de Santiago que non están reflectidas nos Orzamentos do Estado e, para o BNG, son actuacións urxentes e necesarias, e é incomprensíbel que non se contemplen nunhas contas que, como vemos, incrementan a partida para infraestruturas", explica Néstor Rego.
Estas emendas súmanse ás que o BNG presentou para a cidade de Santiago de Compostela como a creación dun viveiro de comercio na Cidade Histórica, a humanización da rotonda de Conxo, a recuperación da vella terminal da Lavacolla e a estación de mercadorías da Sionlla , un proxecto expositivo para a estación intermodal Daniel Castelao ou medidas ambientais, como o saneamento do río Sarela, a erradicación da herba da Pampa ou a propia estación depuradora, nun conxunto de actuacións que suporían o incremento de 23 millóns de euros do Orzamento destinado á capital galega.
Ademais, Néstor Rego destacou que a comarca se vería beneficiada por melloras de especial repercusión como "a suba xeral das pensións mínimas para equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional; ou a rebaixa do IVE cultural con gran repercusión nesta cidade ao ser capital cultural de Galiza; a eliminación do IVE das máscaras; e a rebaixa do IVE ao 10% nos salóns de peiteado ou, de maneira especial, o Plan de apoio ao pequeno comercio e hostalaría cun orzamento de 20 millóns de euros", que o BNG defendeu no Congreso.
FOTO: De esquerda a dereita de pé: O portavoz municipal en Ordes, Pablo Vidal, a portavoz municipal en Oroso, Isabel Fernández e a portavoz municipal en Padrón,Beatriz Rei. Sentadas: a portavoz municipal en Compostela, Goretti Sanmartín, o deputado no Congreso, Néstor Rego e portavoz municipal en Ames, David Santomil.