PLENO
O BNG reclama un espazo de aparcamento alternativo á supresión de prazas en Ultreia e na avenida de Salamanca
Co proxecto previsto prevese a eliminación de 50 estacionamentos, nunha zona de edificios sen garaxes e con diversos centros educativos próximos
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021.- O grupo municipal do BNG reclamará no Pleno de novembro que o Goberno local dote un espazo público alternativo de aparcamento para a veciñanza de Ultreia, do barrio da avenida de Salamanca e Espírito Santo, tendo en conta a previsión de supresión de prazas coas obras de accesibilidade e de humanización.
No estudo de detalle, de febreiro de 2021, para a definición urbanística da dotación de accesibilidade aos inmóbeis de vivenda colectiva situados na praza de Ultreia determínase a idea de reurbanizar este espazo público cunha ordenación desde criterios de accesibilidade e seguranza, potenciando o espazo público de relación e tratando de mellorar os percorridos peonís e zonas de estancia, actualmente comprometidas pola presenza invasiva e desordenada de vehículos. Xunto a iso, propóñense directrices e solucións para a incorporación de elevadores comunitarios e de mellora da eficiencia enerxética nos edificios.
En primeiro lugar, compre subliñar que ese estudo de detalle non se realizou cun diálogo previo coa veciñanza, en que se puidesen recoller ás súas preocupacións e inquedanzas. “Nas diversas reunións mantidas polo grupo municipal do BNG con veciñanza da zona transmitiron a preocupación pola carencia dunha solución definitiva aos problemas de accesibilidade e pola falta de previsión de zonas de estacionamento de vehículos, tendo en conta que eses edificios non dispoñen de aparcadoiros soterrados e que o proxecto municipal prevé a supresión de prazas en superficie”, explicou Goretti Sanmartín. Cómpre sinalar que nin os edificios posúen garaxes nin existen garaxes pechados privados e públicos no barrio. Esta dificultade de estacionar agrávase por diferentes factores, entre os que está a existencia de varios colexios nas súas inmediacións.
Na actualidade contabilizáronse 60 prazas de estacionamento delimitadas, aínda que se chegan a rexistrar até 70 vehículos estacionados. Segundo se prevé, os espazos dispoñíbeis quedarían reducidos a 19 lugares de estacionamento, o que supón unha redución do 73% das prazas, ou o equivalente a 50 persoas que non poden dispor do seu espazo de aparcadoiro habitual a pé da casa.
Aínda que é necesaria esta reordenación urbanística para gañar accesibilidade, itinerarios peonís e zonas de encontro con estas obras de humanización, tamén é importante que o Goberno local ofreza un emprazamento alternativo para poderen aparcar as persoas que residen nesas vivendas cando menos, en igual número de prazas ás que se van suprimir.