PLENO
O BNG instará no Pleno a realizar as xestións necesarias para impedir a instalación dunha gasolineira en Brandia
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha iniciativa coas demandas da veciñanza afectada pola intención de instalar unha gasolineira en Brandia. “Desde o BNG xa reclamamos en anteriores sesións que se realicen as xestións necesarias para que se modifique a normativa urbanística, tanto local como galega, para que en ningunha urbanización se poidan instalar novas gasolineiras”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, ante a inquedanza veciñal pola pretensión de instalar unha gasolineira de baixo custe e sen persoal no emprazamento da urbanización de Brandia, tendo en conta que existen suficientes motivos técnicos para a denegar, volve insistir máis unha vez na necesidade evitar a autorización da licenza deste negocio.
O BNG xa impulsara en setembro de 2017 unha iniciativa, aprobada por unanimidade, para frear esta instalación e que o Concello de Compostela vixiase especialmente a afectación que puidese provocarlle á veciñanza de Brandía, así como para estudar as reivindicacións da propia veciñanza.
Unha das solucións pode ser realizar unha modificación puntual do PXOM para que en solo residencial de baixa densidade non se posibilite a instalación de gasolineiras, como xa se debera ter feito desde aquel momento. De feito, en outubro 2018, o BNG preguntou polas xestións e trámites realizados por parte do Goberno de CA sen obter unha resposta. Así, cómpre facer as xestións necesarias para que se modifique a normativa urbanística, tanto local como galega, para que en ningunha urbanización se poidan instalar novas gasolineiras.
En xullo de 2020, a empresa volveu solicitar licenza para abrir unha unidade de subministro de carburantes desatendida e unha edificación comercial, no fondo o mesmo proxecto. A raíz diso, o BNG volveu trasladar unha moción en xuño de 2021 na mesma dirección de evitar que prosperase esta licenza.
Entre os argumentos da veciñanza destacan que a rotonda de Brandia soporta un tráfico intenso, o que pode provocar problemas nos accesos á gasolineira; existe un parque infantil nas inmediacións; hai depósitos de celulosa altamente combustíbel na papeleira de Brandía e, ademais, discorre un conduto de transporte de gas pola zona, o que fai especialmente perigosa a súa instalación.