ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín advirte da falta de vontade do PSOE para negociar os Orzamentos de 2022

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Na primeira xuntanza o alcalde non facilitou a listaxe de investimentos previstos

Goretti Sanmartín advirte da falta de vontade do PSOE para negociar os Orzamentos de 2022

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu que o Goberno municipal non ten interese en negociar os Orzamentos municipais de 2022, pois na primeira xuntanza ofreceu “unha documentación vaga e incompleta“ que evidencia que o alcalde xa ten a súa folla de ruta trazada para ir a unha cuestión de confianza para facer eses orzamentos sen contar coas forzas da oposición.

“A falta de vontade negociadora do equipo de Sánchez Bugallo queda patente ao iniciar o primeiro contacto cos grupos na terceira semana de novembro, cunha documentación que nin sequera inclúe os investimentos previstos nin a marxe para negociar cos demais grupos, cando precisa apoios para a súa aprobación posto que o PSOE está a gobernar sen ter maioría na Corporación”, explicou.

“Son moitas as urxencias e vontade negociadora ningunha”, indicou Goretti Sanmartín. “Desde o BNG vimos reclamando que para aprobar uns orzamentos en tempo e forma hai que comezar a negocialos en setembro, mais a realidade é que dous meses e medio despois, o Goberno entréganos a todos os grupos unha folla con cifras globais dos gastos previstos e sen ningún dato desagregado de que investimentos pretende realizar”, engadiu.

De feito, a portavoz municipal nacionalista demandou a listaxe de investimentos confeccionada polo Goberno local e a resposta do alcalde foi: “nós temos a nosa lista máis non vola imos facilitar”. Así, pregúntase “que maneira de negociar é esa, cando o Goberno local está en minoría e non consensúa nin os proxectos para presentar aos fondos europeos nin as prioridades do Real Padroado que, como xa dixemos, ten unhas contas inexistentes”. Tamén bota en falta a convocatoria dos consellos sectoriais de participación veciñal para recoller propostas do conxunto da poboación que logo incluír nos Orzamentos municipais.

 

Goretti Sanmartín advirte da falta de vontade do PSOE para negociar os Orzamentos de 2022