PLENO

Goretti Sanmartín reclamará no Pleno que se cumpran os acordos para designar con nomes de mulleres as novas rúas e espazos públicos de Compostela

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Trátase dunha medida para corrixir as desigualdades de xénero e de ter unha cidade máis xusta e equitativa nas políticas sociais e urbanas
Goretti Sanmartín reclamará no Pleno que se cumpran os acordos para designar con nomes de mulleres as novas rúas e espazos públicos de Compostela

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará unha iniciativa ao Pleno para que o Goberno local convoque o Consello de Condecoracións e respecte os acordos plenarios coas propostas aprobadas para a feminización do rueiro e dos espazos públicos de Compostela cos obxectivos de corrixir as desigualdades de xénero e de ter unha cidade máis xusta e equitativa nas políticas sociais e urbanas.

En setembro 2017, en abril de 2018, en maio 2018, en xullo de 2018, en decembro de 2019 e en decembro de 2020 trasladou o BNG iniciativas, propostas e emendas para a inclusión dunha listaxe de mulleres que dean nome a rúas, parques e espazos públicos co fin de visibilizar, de dar a coñecer figuras femininas e de contribuír a reducir a fenda existente na actualidade neste ámbito en Santiago de Compostela.

Cómpre ter en conta a baixa representatividade das mulleres no rueiro compostelán, que en 2017 só tiña 71 de 1.276 nomes de lugares, prazas, rúas, ruelas, travesas e avenidas. Trátase dunha cifra moi afastada das pretendidas políticas de paridade de xénero e ese agravio e a negación da vontade de incrementar a representatividade das mulleres no nomeamento de espazos públicos segue a desvalorizar o papel que deberan ter as institucións. Así, as mulleres ilustres seguen a ser relegadas da historia, silenciando as súas contribucións no desenvolvemento social, político, científico, cultural, deportivo e económico de cada época.

Porén, o Goberno local empéñase en acrecentar os actos de distinción cunha nómina que segue a afondar na discriminación de xénero sen ser consciente do cambio de perspectiva que precisan as políticas municipais para normalizar a presenza de mulleres nos espazos públicos.

Entre os nomes que propuxo o BNG para fomentar a creación de referentes para o empoderamento das mulleres, figuran Begoña Caamaño (á que xa se designou un parque nas Fontiñas), Rosa Bassave, Concha Castroviejo, Dionisia López Amado, Pepa Noia, Amparo Alvajar, Mari Luz Morales, María Tobío, Elena Mihaela Marcu e Luz Fandiño. A esta listaxe engadiu máis nomes como Pilar Pereira, Consuelo Otero Rial e Exeria, entre outras.


 


 

Goretti Sanmartín reclamará no Pleno que se cumpran os acordos para designar con nomes de mulleres as novas rúas e espazos públicos de Compostela