CENTROS SOCIOCULTURAIS
Goretti Sanmartín demanda que se paralice o proceso de contratación do servizo dos centros socioculturais por detectar incoherencias e precarización laboral nos pregos
Supón un incremento do 22% do orzamento do contrato anterior e empeora a calidade tanto para profesionais, como para persoal usuario e actividades
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021.- O BNG presentará un recurso de reposición ao acordo da Xunta de Goberno local en que aproba o prego de xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela.
Goretti Sanmartín indicou, en rolda de prensa, os motivos polos que o BNG solicita a retirada deste prego para facelo en mellores condicións e que responda ás necesidades de Santiago de Compostela, “porque hai demasiadas contradicións e incoherencias entre os catro lotes en que agora se divide o contrato, que van empeorar a calidade do servizo e pesar de supor un incremento do 22% do orzamento do contrato anterior”.
“Non houbo un traballo previo de contraste co persoal municipal, que ten unha longa experiencia neste ámbito, nin coas persoas usuarias nin cos grupos de oposición, que non formamos parte das mesas de contratación porque este Goberno local non quixo resolver esta cuestión nin se ofreceu información previa”, explicou.
Advertiu tamén que o equipo de Goberno non actuou contra as “múltiples deficiencias detectadas neste período da actual concesionaria”, xa que houbo informes onde constan a non prestación dalgúns servizos por ausencia de persoal; a non comunicación de renuncias, despedimentos e baixas; a falta e demora de organización de actividades e de material; a falta de creación dunha base de datos e dunha páxina web, entre outras de extrema gravidade.
Os problemas detectados nos pregos para ofertar o servizo son as incompatibilidades manifestas entre as horas do servizo de animación sociocultural, no lote I, coa apertura de bibliotecas, no lote II, e os horarios de apertura de distintos centros socioculturais, pois sinalan o horario de apertura de bibliotecas polas mañás cando os centros de Vite, Conxo, Santa Marta ou As Fontiñas só abren de tarde; ou o do Castiñeiriño que abre de mañá e non ten biblioteca.
Outra contradición é que no horario de atención ao público dise que se van contratar 14 persoas, mais coas horas asignadas só dá para media xornada, “cando hoxe traballan a xornada completa e hai obriga de subrogar, co que parece que se vai precarizar ese emprego”, explicou.
Tamén se aprecia unha redución de horario de atención ao público, en que os centros poden desenvolver actividades, e en moitos queda reducido ao sábado pola mañá pois o número de horas previsto non dá para atender programas como “Doce doces”, “Galicreques” ou a “Rede Culural” que se ofertaban na fin de semana se van ver profundamente afectados.
Hai problemática ligada ao persoal que se quere subrogar porque os requirimentos para persoal de bibliotecas e de novas tecnoloxías son moi vagos e crean inseguranza tanto nas empresas como nas persoas traballadoras, porque non está claro as titulacións que teñen que ter.
Non se ten en conta que estamos nunha etapa poscovid que dificulta que as pequenas empresas poidan presentarse, porque impoñen unhas condicións imposíbeis de cumprir xa que requiren unha facturación similar á de anos anteriores cando en 2020 moitas empresas culturais tiveron unha facturación nula ou diminuída que dificulta que as poidan cumprir.
Referiuse tamén a que nos outros pregos había actividades con monitoraxe especializada e iso agora non existe, polo que parece que non se van desenvolver pois o custo marcado por hora é moi inferior ao daquelas actividades que eran demandadas pola veciñanza.
No lote III de atención ao público, sinálase que se instalarán cámaras de reconto de persoas e de aforos, unha medida “que entendemos que sobarda as competencias destas empresas e está nunha liña que pode vulnerar os dereitos da poboación, porque hai outras maneiras de controlar a asistencia ás actividades sen usar cámaras”. Iso acontece cando nos pregos volven incluír a elaboración dunha páxina web e dunha base de datos que xa deberían estar realizadas e que nos anteriores pregos supoñían 100.000 e non se fixeron. Así, preguntouse onde están os informes pertinentes e por que non se abriu unha proposta de sanción para a empresa por incumprimento dos pregos anteriores.
Nese sentido, referiuse á falta de fiscalización das empresas concesionarias porque non se cumpren os pregos e se van acumulando erros ano tras ano de contrato, como xa advertiu a formación nacionalista en reiteradas ocasións.
Así, o BNG solicita que se pare este procedemento de contratación e se suspenda a execución destes pregos, para poder facer unha revisión e que teñan coherencia para evitar as propostas contraditorias nos catro lotes, con clareza nas definicións das funcións e da categoría laboral do persoal, que garantan a apertura dos centros socioculturais nas fins de semana e que se intente reducir a precariedade para ir a servizos de calidade, deixando sempre unha marxe para que poida haber unha programación propia e extraordinaria que se poida desenvolver desde os propios centros, sen renunciar de antemán a obradoiros máis especializados para complementar a oferta.